Xoves 22 de Agosto de 2019

33 menores de idade participaron este ano no ‘Programa Escolle’, para a prevención e formación de persoas con denuncias por consumo de alcol en lugares públicos


“É unha alternativa á sanción económica, pero tamén de inculcarlles valores positivos e aumentar a percepción de risco asociado ao consumo de alcol”, en palabras da concelleira Sofía Godoy

O Concello de Ourense, a través da Concellería de Sanidade, impartiron estes días o cursos do Programa Escolle, unha actividade preventiva e de formación dirixida, en 2018, a 33 mozos e mozas menores de idade con denuncias por consumo de alcol en lugares públicos. O programa realízase ao abeiro dunha lei autonómica que recolle a prohibición expresa do consumo de bebidas alcohólicas e as infraccións pertinentes, de 300 euros, das que se ocupa a Policía Autonómica.
O Programa Escolle posibilita a substitución das sancións económicas. “O infractor pode participar nun programa preventivo, que consiste na realización de servizos de interese comunitario e cursos de concienciación sobre o consumo de alcol”, di a titular de Sanidade de Ourense, Sofía Godoy. “É unha alternativa á sanción económica, pero tamén de inculcarlles valores positivos e aumentar a percepción de risco asociado ao consumo de alcol”, afirma.
As actividades, impartidas por un equipo de persoal técnico do ámbito da psicoloxía, da pedagoxía e da avogacía, realízanse dentro dun contexto positivo e seguindo modelos de habilidades para a vida dun adolescente. As sesións preséntanse cunha estrutura flexible e aberta, e é compatible con actividades escolares.
O seus obxectivos: “Mellorar a información e coñecementos dos mozos beneficiarios do programa sobre o alcol, os seus efectos, mitos e crenzas erróneas”, en palabras de Sofía Godoy. O Programa Escolle tamén ofrece asesoramento especializado para as familias.

Deja un comentario