Martes 01 de Decembro de 2020

A Deputación de Ourense abre en xaneiro a convocatoria para iniciativas de emprego xuvenil do proxecto “EmprendOU-reto demográfico”


 

O próximo 7 de xaneiro ábrese o prazo de presentación de solicitudes, só por vía telemática, para a participación no proxecto “EmprendOU-reto demográfico”, unha iniciativa da Deputación de Ourense que cun orzamento de case dous millóns de euros ten por obxectivo impulsar ao redor de 250 proxectos de emprego xuvenil nos municipios de menor poboación. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 28 de decembro de 2018.

Este proxecto ten como punto de partida o Real Decreto 1234/2018, de 5 de outubro, que abría unha liña de axudas cun orzamento total de 80 millóns de euros, dirixida aos municipios de menos de 10.000 habitantes para impulsar o autoemprego e emprendemento, no marco do Programa Operativo de Emprego Xuvenil do Fondo Social Europeo.

No proxecto presentado pola Deputación de Ourense xa se incluíron os criterios da denominada “perspectiva de reto demográfico”, que a partir de agora tamén estarán presentes na repartición económica de todos os programas e proxectos que desenvolva o grupo provincial de Goberno.

Segundo esta liña de traballo, os municipios incluídos no proxecto EmprendOU serán aqueles que non formen parte dunha gran área urbana e que cumpran cunha das dúas características seguintes: aqueles cunha poboación inferior ou igual a 5.000 habitantes ou aqueles que teñan unha poboación entre 5.001 e 10.000 habitantes, sempre que perderan poboación na última década. Na provincia hai 82 concellos que cumpren estes requisitos, é dicir, case que o 90 % do territorio ourensán; preto do 90 % dos concellos; e case que o 41 % da poboación da provincia, máis de 127.000 persoas.

O obxectivo deste programa é mellorar neses 82 concellos os índices de autoemprego e emprendemento entre os mozos, ofrecéndolles unha axuda económica coa finalidade de darlles apoio durante a fase inicial dos seus proxectos.

Esta axuda económica, que será do 75 % do Salario Mínimo Interprofesional para 2019, outorgarase en función dos meses de permanencia no réxime da Seguridade Social que corresponda, cun mínimo de 6 meses y un máximo de 12.

Os beneficiarios serán mozos de entre 16 e 30 anos, incluídas persoas con discapacidade, non ocupadas ou non integradas nos sistemas de educación ou formación, respectándose ademais os principios de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, non discriminación, accesibilidade e desenvolvemento sostible.

Entre os principais requisitos a ter en conta tamén compre subliñar que os mozos que participen neste programa deberán residir no concello elixido durante o período de vixencia da subvención, xa fose residente, retornado ou se instale nese territorio. Ademais, o centro de traballo tamén haberá de estar situado no concello, aínda que se poderá motivar o teletraballo ou a itinerancia.

Os datos recollidos nos últimos anos reflicten unha media de 251 iniciativas empresariais creadas por mozos de entre 16 e 30 anos nos concellos incluídos nos criterios de reto demográfico. Agora, a Deputación de Ourense prevé incrementar esta cifra nun 50 % e conseguir que un 40 % do total de iniciativas obteñan axuda financeira a través deste programa, proxectos dos que outro 40 % se espera que sexa impulsados por mulleres.

Centro de Innovación

A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe unha subvención de 200.000 euros á favor da Fundación Galicia Obra Social (Afundación) para a posta en funcionamento do Centro de Innovación Empresarial de Ourense. Compre lembrar que este Centro de Innovación Empresarial é froito dunha alianza estratéxica entre a Deputación e Abanca, que permitirá avanzar no programa «Provincia Intelixente».

Grazas a esta colaboración, no antigo edificio de Caixa Ourense, situado na Finca Sevilla e cunha superficie de máis de 8.000 metros cadrados, desenvolveranse aplicacións e iniciativas relacionadas coa tecnoloxía e os servizos municipais. A primeira das empresas que se instalarán no recinto será Viewnext, filial da compañía IBM, con máis de 200 empregados.

Eficiencia enerxética

Outro dos asuntos tratados foi a aprobación dunha subvención de 40.000 euros ao Concello de Porqueira para a substitución da iluminación pública, no ámbito dos proxectos de eficiencia enerxética que están a desenvolver os concellos.

Por outra banda compre sinalar que se aprobou a fixación de prezos públicos para seis publicacións que editará a Deputación e que van desde os 9 aos 20 euros.

Ademais, na convocatoria de hoxe estimouse un recurso de reposición da Fundación Sotelo Blanco, que presentou un novo orzamento para a posta en funcionamento do Museo Antropolóxico da Ribeira Sacra, logo de detectar un erro no plan económico inicial. Tamén se desestimou un requirimento de anulación contra un acordo da Xunta de Goberno de 21 de setembro interposto polo alcalde do Barco, Alfredo García Rodríguez, no que se resolvía o concurso público para a concesión de subvencións a concellos e mancomunidades de municipios para a organización de actividades físico-deportivas 2018. A Xunta de Goberno confirmou que no Rexistro Xeral non constaba ningunha solicitude presentada polo Concello do Barco para obter a citada subvención, por ningún dos medios habilitados.

Deja una respuesta