Luns 18 de Xaneiro de 2021

En Marea insta a impulsar o traspaso ao Concello do Carballiño do Centro Comarcal e da antiga Casa do Pobo


 

A formación solicita que a Xunta se implique ademais na elaboración e no financiamento do proxecto de rehabilitación duns inmobles que permitirían a posta en marcha dos servizos que precisa o municipio
Santiago, 21 de decembro de 2018.- En Marea insta á Xunta de Galicia a impulsar o antes posible o traspaso da titularidade do Centro Comarcal e da antiga Casa do Pobo do Carballiño a ese Concello. A formación lembra o beneficioso que resultaría para o municipio poder dispoñer deses espazos, que xa foron obxecto dunha moción plenaria en 2016. O deputado Davide Rodríguez foi o encargado de defender unha proposta para a que conseguiu o apoio unánime dos grupos; e grazas á cal o Parlamento insta ao goberno galego a retomar as negociacións co consistorio no que se refire ao Centro Comarcal, hoxe deteriorado e en situación de abandono para convertelo nun centro de dinamización local. E a dilucidar a confusión existente en relación á propiedade da Casa do Pobo co obxectivo de que esta poida ser rehabilitada.

O deputado Davide Rodríguez solicitou este venres no Parlamento de Galicia o traspaso ao Concello do Carballiño duns inmobles para os que a formación insta tamén ao goberno galego a implicarse na elaboración dos necesarios proxectos de rehabilitación, a través da comisión interpartidaria creada no consistorio para tal fin; e a achegar o orzamento preciso para eses traballos.

Á espera de que sexa o propio Concello o que avalíe e valore as distintas posibilidades, En Marea entende que a xestión local da antiga Casa do Pobo e do Centro Comarcal suporía unha importante oportunidade para O Carballiño, pois poría a disposición da localidade uns espazos necesarios para a posta en marcha de distintos servizos.

No Pleno do 28 de xullo do 2016 aprobouse unha moción, presentada por Alternativa Veciñal-En Marea do Carballiño, sobre a situación dos distintos edificios públicos do Carballiño propiedade do Concello ou doutras administracións, a fin de proceder á súa valorización. Xa daquela foi común o sentir dos diferentes portavoces dos grupos da corporación local en relación á necesidade de contar con espazos para prestación de servizos que nestes momentos non poden prestarse por motivos de titularidade ou falla de acondicionamento.

En Marea entende que é labor da Xunta de Galicia dotar aos concellos do país das infraestruturas necesarias para desenvolver distintas actividades de interese para a cidadanía; que poden ir dende o lecer ata o desenvolvemento rural e socioeconómico. Un xeito de mellorar a calidade de vida nas zonas rurais e contribuír, en consecuencia, a fixar poboación e frear o descenso demográfico que afecta a boa parte da provincia de Ourense.

Deja una respuesta