Martes 13 de Abril de 2021

A Deputación comprométese a tramitar a cesión da estrada de San Agostiño ao Concello de Viana do Bolo


 

O deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, informou á comisión nomeada polo pleno municipal, a instancia dos grupos popular e socialista, dos avances rexistrados na negociación coa empresa propietaria da vía, a eléctrica Endesa, “disposta a realizar unhas achegas económicas que facilitarían un principio de acordo”

A Deputación de Ourense comprometeuse a realizar os procedementos de contratación e redacción do proxecto de cesión da estrada Viana-San Agostiño ao Concello de Viana do Bolo, así como a facer a achega económica necesaria para alcanzar un acordo coa empresa eléctrica Endesa, actual propietaria desta vía.

O deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, fixo este anuncio durante a reunión que mantivo esta mañá, no Pazo Provincial, cos membros da comisión pola estrada de San Agostiño, nomeada polo pleno e integrada polos tres grupos políticos con representación municipal, PP, PSOE e BNG.

No encontro, Pablo Pérez deu conta dos avances que se están a rexistrar nas negociacións coa empresa, logo de que o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, expresara o pasado mes de agosto o firme compromiso do goberno provincial de colaborar económica e tecnicamente nunha solución para os veciños afectados.

Pérez lembrou que a empresa eléctrica xa amosou a súa firme vontade de ceder a mencionada estrada, ademais de achegar “unhas cantidades económicas que facilitarían o peche dun principio de acordo”.

Á reunión non asistiu o alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández, a quen a Deputación solicitará que informe sobre a cantidade económica que está disposto a poñer para o arranxo da vía, “xa que os 50.000 euros dos que falou é unha cifra totalmente insuficiente fronte a magnitude desta obra”, dixo o deputado.

Ademais, reiterou que, esta estrada non podería pasar a titularidade provincial “polo elevado custe que tería o proxecto, máis de 2 millóns de euros, e o feito de que no reúne as características técnicas fixadas para ser considerada como provincial”.

O principal interesado no arranxo desta vía é o concello, engadiu, “aínda que só os grupos da oposición amosan o seu interese por buscar unha solución, sendo eles precisamente os que impulsaron esta comisión”.

Na xuntanza desta mañá tamén se falou doutra vía, a chamada estrada dos Pinos, propiedade da mesma empresa, coa que se acordou falar para ver as posibilidades de cesión.

Finalmente, os integrantes da comisión, que expresaron a súa satisfacción polos avances rexistrados, insistiron na necesidade de que a Deputación siga a negociar coa empresa a cesión destas vías ao Concello, que unen San Agostiño coa capitalidade do municipio.

Deja una respuesta