Mércores 26 de Xuño de 2019

As empresas preseleccionadas para o reto presentado por Coren en Galicia Open Future coñecen o funcionamento da compañía


Durante tres días estudarán de preto a proposta da cooperativa ourensá no marco da aceleradora impulsada pola Xunta en colaboración con Telefónica

Representantes de empresas, centros tecnolóxicos e universidades responsables de sete propostas presentadas para a proposta de Coren dentro da última convocatoria da aceleradora Galicia Open Future terán oportunidade de coñecer en profundidade durante tres días a cooperativa galega e as particularidades do reto que expón.

As empresas e entidades que participan son Agropecuaria Girona; o centro tecnolóxico Gradiant e a empresa Merasys, de Vigo; a alianza entre Torusware e a startup Biostatech, de Santiago e A Coruña; o proxecto emprendedor Smart Pig, de Santiago de Compostela; a Universidade de Lleida; e a startup Ymaging, de Barcelona. Hoxe estiveron acompañadas polo director do Igape, Juan Cividanes, e representantes da Axencia Galega de Innovación (Gain).

Despois de Pescanova e Finsa, Coren é a terceira gran empresa galega que, dentro de Galicia Open Future, lanza un reto dirixido a emprendedores, startups, pemes e organismos de investigación de todo o mundo. A solución que busca a compañía do sector agroalimentario enmárcase na dixitalización e optimización dos seus procesos na área porcina. En concreto, Coren pretende desenvolver a captura de datos e identificación do porco, así como facer máis eficiente o seu proceso de pesado.

O obxectivo desta convocatoria é buscar solucións innovadoras que melloren a identificación e pesado do porco, mediante un método que permita rexistrar datos de interese sobre cada animal. A consecución destes obxectivos permitirá a Coren obter información de valor para os seus procesos de traballo, logrando mellorar accións como a marcaxe dos animais e a estimación sobre cando alcanzará o peso óptimo.

Galicia Open Future, impulsada pola Xunta en colaboración con Telefónica, forma parte de StartIN Galicia, a rede galega de aceleradoras a través da cal a Administración autonómica apoiou nos últimos cinco anos preto de 900 proxectos de emprendemento, que contribúen ao desenvolvemento dunha industria innovadora e competitiva.

Deja un comentario