Mércores 23 de Outubro de 2019

O Espazo Xuvenil Lusquiños acollerá desde este martes a exposición “Cartas de Amor”, que aposta polo cómic para que a mocidade detecte e elimine situacións de violencia de xénero


A exposición, que forma parte da programación do Concello ao abeiro do 25-N, quere sensibilizar á poboación máis nova sobre a existencia de violencia nas súas formas de relacionarse

 

O Espazo Xuvenil Lusquiños acollerá, entre o 11 de decembro e o 10 de xaneiro, a exposición “Cartas de amor”, unha iniciativa que forma parte da programación do Concello de Ourense con motivo da loita contra a eliminación da violencia de xénero. Trátase dunha mostra itinerante da Secretaría de Igualdade da Xunta que aposta por empregar a linguaxe do cómic e da ilustración para que a xente máis nova detecte comportamentos e situacións de violencia de xénero.

De xeito paralelo á exposición, o Lusquiños acollerá xornadas de traballo, nas que participarán unha educadora social e estudantes de Secundaria, en torno a unha unidade didáctica deseñada para dar resposta a diversas cuestións como que é ser un home ou unha muller; o coidado das relacións, a linguaxe, a relación amorosa e mesmo tratar sobre a linguaxe sexista nas cancións que escoita a mocidade.

As actividades propostas teñen como primeiro obxectivo proporcionar ao profesorado recursos que dun xeito sinxelo lle facilite coñecer de primeira man que pensan e senten as súas alumnas e alumnos e como o expresan.Pero tamén para que estes detecten as situacións de violencia e saiban como facerlles fronte.

A exposición

Cartas de Amor conta con debuxos de artistas de fama como Miguel Calatayud, Patricia Castelao, Fausto Isorna, Pirusca, José Luís Méndez, Jack Mircala ou Javier Oliveirais.

A exposición quere sensibilizar á poboación máis nova sobre a existencia de violencia nas súas formas de relacionarse, axudar a detectala e por tanto a eliminala. Especialmente tendo en conta que, nos últimos anos, detéctanse moitos casos de relacións de parella entre adolescentes cunha forte carga de violencia verbal e mesmo física.

A orixe da mostra partiu da proposta da súa comisaria, Gemma Sesar, a varios debuxantes galegos e nacionais para plasmar nunha imaxe situacións ou momentos que considerasen como violentos entre adolescentes, co obxectivo de poñer de manifesto a necesidade de cambiar esas actitudes por outras nas que prime o respecto á parella.

Na mostra están os traballos dos dous premios nacionais de ilustración, Miguel Calatayud, e de cómic, Paco Roca, no ano 2009; así como figuras galegas, como Patricia Castelao, Pirusca, David Pintor e Óscar Villán. Tamén participan autoras e autores que están a conseguir gran éxito entre a xente máis nova, como Eva Vázquez, Javier Oliveirais, Primitivo, Sonia Puído, Jack Mircala ou Sergi San Julián. Ademais o escultor Méndez, a escritora Anxos Sumai e o deseñador Fausto, únense a esta mostra con tres achegas diferentes

Deja un comentario