Xoves 13 de Decembro de 2018

60 alumnos de infantil do colexio Maristas coñecen o Pazo Provincial


 

O presidente da Deputación de Ourense recibiu ao alumnado que, acompañado por docentes e pais, visitaron as instalacións do edificio principal do goberno provincial

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial, a 60 alumnos de infantil do colexio Maristas de Ourense que acompañados por docentes e algúns pais, puideron coñecer as instalacións do edificio principal do goberno provincial da man do presidente. Manuel Baltar guiou aos alumnos de cinco anos polo despacho da presidencia, a sala de xuntas, a exposición de “Voces da Ourensanía”, e rematou a visita no Salón de Plenos do Pazo Provincial, onde o presidente da Deputación de Ourense lle entregou a cada neno un carné de deputado e un agasallo.

Posteriormente, o presidente do goberno provincial recibiu aos 15 alumnos de 1º e 2º da ESO do colexio Maristas que visitaron o Pazo Provincial para desenvolver unha sesión plenaria, con motivo da 6ª “Semana Escolar da Provincia”, na que recrearon debates sobre a época dos suevos na Gallaecia. A súa visita á Deputación de Ourense rematou na Biblioteca, lugar que acolle os restos mortais de Rodolfo Prada Chamochín.

O presidente do goberno provincial, ademais de mostrarlle ao alumnado a casa do “Concello dos Concellos”, explicoulles o funcionamento da institución provincial estruturada en diferentes Áreas a través das cales a Deputación de Ourense presta servizos a concellos e cidadáns, así como algunhas das iniciativas que o goberno provincial desenvolve a prol da cultura, do deporte e da mocidade da nosa provincia, como “Pazolandia, o maior parque de atraccións estacional de Galicia; o Programa EsquiOU, que ensina aos nenos da provincia os deportes de inverno nun entorno natural sen parangón; a Semana Escolar da Provincia, que achega ao alumnado coñecemento sobre diversos temas da nosa provincia e da súa Deputación, entre outras moitas iniciativas”.

A celebración deste Pleno Infantil pecha esta sexta edición da “Semana Escolar da Provincia e a súa Deputación” que organiza a Deputación de Ourense para achegar un mellor coñecemento da provincia á comunidade educativa e que nesta edición afondou na historia da presenza sueva na Gallaecia a través de diferentes actividades realizadas nos 63 centros educativos inscritos. En total participaron 8.882 persoas, entre alumnado e docentes, que traballaron durante esa semana nas actividades propostas, contando co libro manual editado para esta finalidade, Crónica do Regnum Sueborum, escrito por Xosé A. Perozo e ilustrado por Ana Costas.

Deja un comentario