Xoves 13 de Decembro de 2018

Máis de cen persoas e representantes de 20 entidades participan no encontro organizado polo Concello con motivo do Día Internacional do Voluntariado


A concelleira Sofía Godoy informoulles aos asistentes sobre o Plan de Voluntariado para o 2019 que “vai supoñer unha nova época onde o voluntariado farase notar e non pasará desapercibido”

Máis de cen persoas e representantes de 20 entidades de voluntariado participaron no encontro organizado polo Concello de Ourense con motivo do Día Internacional do Voluntariado, nas instalacións do Liceo. Durante a actividade, a concelleira Sofía Godoy, informoulles do futuro Plan de Voluntariado para o 2019.
“Dende a Concellería de Voluntariado queremos dar resposta ás necesidades que xorden no noso contexto máis próximo. Activando o primeiro Plan de Voluntariado, que recolla accións específicas para diversas áreas de actuación, que motive ás e os ourensáns para converterse en Voluntariado Activo”, sinalou a concelleira Sofía Godoy.
Na súa intervención, a concelleira destacou que é imprescindible a colaboración entre as entidades sociais e a Administración. Tamén informou de que o Plan de Voluntariado vai supoñer “unha nova época onde o voluntariado farase notar e non pasará desapercibido”.
Os participantes na xornada realizaron diversas actividades, como “Corpo a Terra”, para descubrir o seu nivel de coñecemento sobre o voluntariado. Tamén participaron nun traballo de “Networking”, para tecer vínculos entre as persoas interesadas en realizar labores de voluntariado e as entidades con presenza na nosa cidade.

Deja un comentario