Xoves 13 de Decembro de 2018

Case un millón de puntos de luz e unha árbore de máis de 20 metros, a máis alta da historia da cidade, farán que Ourense brille con luz propia este Nadal


A iluminación deste ano consta de 413 unidades de luz, entre arcos, rótulos, conxuntos luminosos ou decoracións en fachadas de edificios singulares da nosa cidade

Máis de 900.000 lámpadas led farán que Ourense brille con luz propia a partir das 19:00 horas, cando terá lugar o tradicional acendido das luces de Nadal na Praza Maior, a cargo das integrantes do Club de Natación Sincronizada Artística de Ourense. Elas serán as encargadas de premer o botón que encherá de luz á árbore de Nadal de máis de 20 metros de altura que dará un ambiente máxico a estas festas para as que o Concello ten programadas máis de 400 actividades.

A iluminación deste ano consta de 413 unidades de luz, entre arcos, rótulos, conxuntos luminosos ou decoracións en fachadas de edificios singulares da nosa cidade. Con todo, a protagonista principal da luminaria será a árbore de Nadal instalada na Praza Maior cuxos máis de 20 metros de altura convértena na máis alta da historia da nosa cidade.

Pero este ano a iluminación chegará a máis puntos da cidade. Haberá luces en máis rúas, e a ampliación será especialmente visible nos barrios e nas entradas e accesos á cidade, onde se poderán ver rótulos con mensaxes como “Boas Festas”.

O acendido das luces terá lugar esta tarde na Praza Maior, cun acto que comezará ás 19:00 horas coa actuación do Coro Son de Deus, da parroquia de Cristo Rey (As Lagoas), que ofrecerá un pequeno concerto de panxoliñas.

A continuación terá lugar o acendido das luces, que este ano recae nas integrantes do Club de Natación Sincronizada Artística de Ourense.

O peche correrá a cargo da cantante de orixe cubana Diana Tarín e o pianista Alfonso Medela, que farán un percorrido por xéneros como o soul, o jazz, a bossa nova e o bolero.

Deja un comentario