Xoves 13 de Decembro de 2018

Relación de asuntos tratados na xunta de goberno local


 A xunta de goberno local celebrada esta mañá no Concello de Ourense deu conta de 25 asuntos achegados por diferentes áreas municipais.

A xunta de goberno local celebrada esta mañá no Concello de Ourense deu conta de 25 asuntos achegados por diferentes áreas municipais.
Avogacía consistorial (10). Catro sentenzas, cinco comparecencias e unha providencia do Tribunal Supremo. No apartado de sentenzas, as tres primeiras son do xulgado administrativo 2 de Ourense. A primeira estima unha reclamación dun particular contra a multa da ORA, que queda, polo tanto, anulada. Estima igualmente o recurso contra unha sanción de tráfico que o Concello deberá devolver. Finalmente, estimou un recurso contra o imposto sobre o Incremento de valor dos terreos de Natureza Urbana, logo de que os recorrentes probasen que non houbo tal incremento de valor dos inmobles.
A última das sentenzas é do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que desestima o recurso en apelación dun particular contra unha dilixencia de embargo e confirma a legalidade do acto administrativo municipal.
No tocante ás comparecencias, o Concello deberá acudir perante o Contencioso Administrativo número 2 de Ourense nun procedemento contra unha sanción de tráfico; pola responsabilidade patrimonial que solicita un veciño logo da anulación dunha licenza de obra para a construción dunha casa unifamiliar no Cumial; nun procedemento contra a orde de demolición e peche dun pozo na praza da Igrexa en Ceboliño; e no procedemento contra a demolición do fondo edificable no inmoble da Avda. Pontevedra 13, xa que un dos propietarios presentou recurso. Ademais, o Concello deberá presentarse perante o Contencioso Administrativo 1 de Ourense nunha reclamación de responsabilidade patrimonial.
Finalmente, a xunta de goberno local deu conta dunha providencia (resolución xudicial) do Tribunal Supremo no recurso de casación promovido pola empresa Xardín das Burgas contra a Xunta de Galicia e o Concello de Ourense. O alto tribunal exime ao Concello de Ourense e á Xunta de Galicia da reclamación de 16 millóns de euros que reclamaba a empresa polo frustrado hotel balneario na contorna das Burgas.
Servizo de licenzas urbanísticas (6). Concedéronse licenzas para a instalación de ascensores en dous inmobles da cidade, en Doutor Fléming 6 e en Alfonso Rodríguez Castelao 46. Concedeuse, tamén, licenza para a reforma e ampliación dunha vivenda unifamiliar no perímetro rural (entre o Seminario e Cabeza de Vaca). Concedeuse, así mesmo, licenza para a reforma e ampliación dun edificio na rúa Leiras Pulpeiro (A Farixa).
No sentido contrario, denegouse unha licenza de obra e actividade para garaxe na rúa Marcial Valladares (Oira). Finalmente, deuse conta dunha corrección de erros no acordo para o proxecto básico de rehabilitación dunha vivenda en Seixalbo: Trátase dun erro da redacción que deberá modificarse.
Aperturas (4). Para un local de autoservizo de lavandería nas Lagoas; para unha panadaría-cafetería no mesmo barrio; e para unha hamburguesería no barrio do Fonsillón. Ademais, concedeuse licenza para segregar a planta baixa dun inmoble na Avenida de Bos Aires: a finca matriz dividirase en dúas partes.
Xestión urbanística (1). Desestímase integramente o recurso de reposición interposto por unha comunidade de herdeiros contra un acordo de xunta de goberno local, polo que se autorizan as obras provisionais para o acceso peonil dende a rúa Verea Vella até o paseo do Río Miño para substituír o antigo acceso, actualmente inhabilitado pola execución das obras de urbanización do AR 43 N “Verea Vella” do antigo PXOM de 2003.
Contratación (1). Aprobouse a ordenación decrecente das ofertas presentadas para a contratación, mediante procedemento aberto, da subministración de Gasóleo C para calefacción e outros usos para diversas dependencias no Concello de Ourense. Requíreselle agora ao licitador clasificado en primeiro lugar a que presente toda a documentación necesaria no prazo de dez días hábiles para proceder á formalización do contrato.
Cultura (1). No eido cultural, aprobamos as bases dun dos clásicos destas datas: o concurso de Beléns Públicos Nadal 2018, para o que se destina un importe de 2.000 euros. Toda a información estará dispoñible proximamente no espazo web ourense.gal e nas restantes canles de comunicación municipais.
Educación (1). Aprobáronse as bases e convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para actividades e proxectos pedagóxicos de colectivos educativos de Ourense. O importe desta convocatoria de subvencións para o curso escolar 2018/19 é de 17.650 euros.
Medio Ambiente (1). Para rematar cos asuntos do día, aprobouse a prórroga na autorización de uso dos hortos urbanos. Concretamente, 18 en Montealegre e 13 en Mariñamansa, por un ano máis.
Ademais, houbo unha renuncia e dúas cesións, parcelas que serán entregadas ás seguintes persoas na lista de agarda na seguinte convocatoria. Cómpre lembrar que estes hortos foron cedidos para o seu uso durante dous anos prorrogables a 1 +1 anos.
O Concello de Ourense posúe 53 hortos en Montealegre (cinco deles para persoas de mobilidade reducida), e 20 en Mariñamansa (2 deles para persoas de mobilidade reducida).

Deja un comentario