Luns 24 de Xuño de 2019

O Consorcio contra incendios aproba o orzamento para 2019, que ascende a 4.302.000 euros


 

Esta entidade, eixe vertebrador das emerxencias provincias, realizou 675 intervencións ao longo do 2018, a través dos diferentes parques de bombeiros que a integran, explicou o presidente do Consorcio

Ourense, 4 de decembro de 2018.- O Pleno do Consorcio provincial de Ourense para o servizo contra incendios e de salvamento celebrado esta mañá no Pazo Provincial aprobou os orzamentos da entidade para o ano 2019, que ascenden a un importe total de 4.302.000 euros. “Os presupostos pretenden continuar na nosa liña de traballo, de mellora na prestación dos servizos do Consorcio ás emerxencias que acontezan na nosa provincia, a través da incorporación de novas adquisicións á dotación material e técnica da entidade, da mellora na oferta formativa ao persoal e tendo como máximas a planificación, a previsión e a innovación”, explicou o presidente do Consorcio Provincial, Pablo Pérez.

Neste sentido cabe destacar que a partida do orzamento máis relevante está destinada para edificios, maquinaria, instalacións técnicas e utensilios, así como para estudos e traballos técnicos necesarios para o desenvolvemento das actividades propias do Consorcio. “Ao longo do 2018 puxemos en marcha o mapa de emerxencias provincial, implantamos métodos pioneiros en materia de rescate, abriuse o parque de bombeiros do Carballiño, e coa posta en funcionamento dos catro parques ao 100%, logramos un salto de calidade importante na atención ás emerxencias de Ourense, e esa continuará a ser a nosa folla de ruta para o vindeiro ano”, explicou o presidente do Consorcio.

Nese balance de actuacións realizadas polo Consorcio durante o ano 2018, Pablo Pérez explicou que o número de intervencións do parque de bombeiros da Limia ascende ás 131, o parque de bombeiros de Valdeorras a 156, o da comarca de Verín ascende ás 180, e o parque de bombeiros do Carballiño – O Ribeiro é o que maior número de intervencións realizou durante este ano chegando ás 268. “En total, o Consorcio realizou 675 intervencións o que o sitúa e consolida como “o eixo vertebrador das emerxencias provinciais”, sinalou o presidente do Consorcio.

Outro dos temas aprobados –explicou Pablo Pérez- foi a devolución das achegas feitas de máis por tres concellos: San Cristovo de Cea, Maside e Punxín, así como reclamarlle as cantidades correspondentes ás débedas non prescritas a catorce concellos da provincia.

Ademais do presidente do Consorcio Provincial de Ourense, tamén estiveron no Pleno a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira; o deputado provincial, Francisco José Fraga; o alcalde do Larouco, Joaquín Bautista Prieto; o secretario do Consorcio, Juan Marquina; a tesoureira do Consorcio, Begoña Álvarez; e o director xeral de Emerxencias e Interior, Luís Menor, “que participou no seu último pleno do Consorcio e a quen lle agradecemos o seu labor ao longo destes anos de servizo”, salientou Pablo Pérez.

Deja un comentario