Domingo 22 de Setembro de 2019

O Concello promove un encontro interxeracional entre o alumnado de Psicoemprende, un programa pioneiro de inclusión social que ofrece coaching e apoio psicolóxico a persoas en risco de exclusión social


A través deste proxecto que desenvolve por vez primeira a Concellería de Asuntos Sociais, ofrécese un reforzo educativo a persoas menores de 22 anos, para que rematen os seus estudos e vexan mellorada a súa inclusión no mercado laboral

A Concellería de Asuntos Sociais realizará o vindeiro 4 de decembro un encontro interxeracional entre os maiores de 45 anos e os menores de 22 anos, que están a participar en dous cursos paralelos do programa Psicoemprende. Trátase dun proxecto de inclusión social que se fai por primeira vez no Concello de Ourense e que ten por obxectivo acadar que os menores rematen os seus estudos e mellorar a accesibilidade ao mercado laboral de persoas en risco de exclusión social.
Este encontro suporá o punto final para o primeiro dos cursos postos en marcha ao abeiro do proxecto Psicoemprende, e que centrou a súa formación en maiores de 45 anos. Esta actividade está a desenvolverse de xeito paralelo a outra acción formativa, neste caso destinada a persoas con idades comprendidas entre os 16 e os 22 anos, e que rematará en maio de 2019.
O curso emprega un sistema de coaching e técnicas de intervención psicolóxica co alumnado, co obxectivo de que coñezan e identifiquen as súas fortalezas e debilidades á hora de atopar un emprego. Tamén se lles ofrece asesoramento e apoio no proceso de busca de traballo, selección e inserción laboral.
Na súa vertente para xóvenes entre 16 e 22 anos, Psicoemprende achégalles aos seus beneficiarios as ferramentas para que poidan continuar coa súa formación e mellorar as súas perspectivas de emprego. O curso para maiores reforza as súas competencias e habilidades persoais e sociais mediante sesións de traballo en grupo e individuais.
Nesta primeira edición de Psicoemprende para maiores, “Fortalecendo competencias e habilidades”, participaron un total de 14 persoas que recibiron 30 horas de formación en clases de hora e media, durante dous días á semana.
As actividades programadas permitíronlles reforzar as súas habilidades e competencias e mellorar as ferramentas que lle permitan relacionarse co seu entorno social.
A lo longo das sesións empréganse diversas metodoloxías, instrumentos e recursos como:
– Exposición do contido didáctico apoiado, en ocasións, con material en soporte papel.
– Recursos audiovisuais, que facilitan a comprensión de forma amena.
– Dinámicas grupais, que favorecen a participación de todos os integrantes da aula.
– Tamén se realizaron saídas culturais a lugares representativos e emblemáticos da cidade.
Pola súa banda, o programa Psicoemprende para menores de 23 anos ten como principal obxectivo funcionar a modo de “Reforzo educativo e de habilidades persoais”. Comezou a súa andaina o seis de novembro, cunha periodicidade de dous días á semana e con clases dunha hora e cuarto de duración. O seu obxectivo primordial é conseguir que o seu alumnado finalice o ensino secundario, formación profesional e adquira competencias clave para atopar un posto de traballo.

Deja un comentario