Xoves 13 de Decembro de 2018

O OUFF súmase á Carta pola paridade e a inclusión das mulleres no cine


 

Manuel Baltar, a vicepresidenta de CIMA, e o director artístico do Festival de Ourense, asinaron no centro cultural “Marcos Valcárcel” este documento de compromiso a prol do cine feminino

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a vicepresidenta da Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales (CIMA), Virginia Yagüe; e o director artístico do Festival de Ourense (OUFF), Miguel Anxo Fernández, asinaron no centro cultural “Marcos Valcárcel”, a Carta pola paridade e inclusión das mulleres no cinema, unha iniciativa presentada publicamente na pasada edición do Festival de Cannes que rubrica o compromiso que o OUFF viña desenvolvendo desde os seus inicios e que continuará impulsando a prol do cine feminino. Neste sentido, o presidente da Deputación de Ourense manifestou que esta firma “é unha obriga” porque “a loita pola visibilidade da muller debe ser unha constante para que non existan desigualdades”, e expresou que este “é un dos actos máis importantes do Festival de Ourense porque se refire a temas de igualdade e paridade e implica asumir compromisos neste ámbito”.

“Aplaudimos esta iniciativa de CIMA, que facemos nesta 23ª edición do festival, básica para afondar no futuro e posicionar o certame dun xeito absolutamente notorio”, afirmou Manuel Baltar, subliñando que esta iniciativa de hoxe “será un elemento diferencial e competitivo no ámbito do cinema español e internacional, porque a presenza e a visibilidade da muller é a da propia sociedade”.

Virginia Yagüe agradeceu o apoio da Deputación de Ourense e ao OUFF o compromiso que asume coa sinatura da carta, explicando que a asociación da que é vicepresidenta “representa a máis de catrocentas profesionais das diferentes especialidades da cinematografía, e para nós é un feito importante celebrar os compromisos que establecen os festivais, e neste caso do Festival de Ourense, porque o cine é unha representación moi destacada do modelos sociais e de relato que establecemos e lanzamos publicamente, e neste sentido, o cinema debe ser rico, diverso, plural e incorporar os puntos de vista das mulleres”.

Pola súa banda, Miguel Anxo Fernández dixo que a firma deste acordo “é letra de lei” e salientou que ademais do ciclo de “Cine en Feminino” no OUFF hai un xurado con alta presenza de mulleres, para, de seguido, dar lectura a carta, segundo a cal o OUFF comprométese a compilar estatísticas desagregadas por xénero, tanto as referidas ao número de películas recibidas para a súa selección, como as elixidas e programadas, para dispor de datos fiables e reais sobre a presenza de proxectos liderados por mulleres.

Así mesmo, o Festival de Ourense comprométese a facer pública a lista de membros dos comités de selección e programación; a establecer un calendario de cambios nos órganos executivos do festival, co fin de alcanzar a paridade no actual período de mandato de ditos órganos, e a realizar unha comunicación anual sobre os progresos realizados.

CIMA é unha asociación profesional de ámbito nacional creada en 2006 co obxectivo de fomentar unha presenza igualitaria das cineastas e profesionais do sector audiovisual, contribuíndo a unha representación equilibrada e realista da muller dentro dos contidos que ofrece o medio.

Deja un comentario