Domingo 22 de Setembro de 2019

O Concello destaca o forte incremento de participación na IX edición do OUFF Escola, con 102 traballos procedentes de toda Galicia, 30 máis que o pasado ano


A provincia de Pontevedra, con 37 traballos foi a máis participativa, seguida pola provincia de A Coruña, con 36; Ourense, con 18 e Lugo, con once

A concelleira de Educación do Concello de Ourense, Belén Iglesias informou de que a IX edición do OUFF Escola bateu records, xa que “o número de inscricións este ano aumentou até 102, o que supón 30 máis que o pasado ano. Desta cifra 36 traballos procederon de A Coruña, 37 de Pontevedra, 11 de Lugo e 18 de Ourense”.
Así o confirmou durante a presentación da novena edición da gala deste certame que organiza o Concello de Ourense en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, ao abeiro do Festival de Cine Internacional de Ourense, OUFF, e que terá lugar o vindeiro luns, ás 11:00 horas, no Auditorio Municipal. A gala contará coa presenza de colexios de toda Galicia, durante ela daranse a coñecer os premiados e proxectaranse os traballos gañadores.
O OUFF Escola ten como obxectivo impulsar o uso do galego, coñecer a visión da infancia e da xuventude sobre a súa contorna sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo.
Belén Iglesias resaltou a importancia deste certame “porque os participantes do OUFF Escola hoxe serán os que participen no Festival de Cine no futuro. A base de todo está na infancia.Para amar o cine hai que coñecelo, e que mellor forta que a través de esta actividade”, incidiu a concelleira. Na súa intervención, Iglesias agradeceu a labor dos organizadores e a especial sensibilidade e colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Ademais da concelleira de Cultura a presentación deste novena edición do OUFF Escola contou tamén coa presenza de Ani Cacabelos, coordinadora OUFF Escola; Miguel Anxo Fernández, coordinador Artístico do Festival de Cine e César Silva, presidente do xurado do OUFF Escola e coordinador de programación do Festival de Cine.
O OUFF Escola é un certame aberto a alumnado de todos os centros de Galicia e conta con dúas categorías: Infantil e Primaria, e para alumnos que cursan ensinanzas non universitarias.
Ani Cacabelos explicou que a maior parte dos traballos son de ficción, aínda que tamén hai documentais e mesmo traballos de animación. Ademais destacou as actividades paralelas do OUFF Escola nesta edición: a proxección da película “A cambio de nada”, de Daniel Guzmán (no Teatro Principal, o día 4 de decembro); tres talleres de dobraxe para alumnos de Secundaria; o obradoiro de creación de cine “Cineduca” (o 5 de decembro); e como novidade a actividade “Lipdap”, unha actividade rúa que terá lugar o 4 de decembro.
O presidente do xurado de OUFF Escola, César Silva, destacou a “calidade dos traballos recibidos, que cada ano son mellores”; mentres que o coordinador artístico do OUFF, Miguel Anxo Fernández, destacou esta actividade como “unha das máis importantes do Festival, porque achegar aos rapaces ao cine é o futuro do Festival”.

Deja un comentario