Xoves 13 de Decembro de 2018

Acordo unánime do pleno da Deputación de Ourense reivindicando que o centro para a atención de persoas con diversidade funcional estea en pleno rendemento en 2020


Na sesión plenaria do mes de novembro, celebrada hoxe, aprobouse tamén o programa “BenOurense” de cooperación en servizos sociais para os concellos da provincia, cuxo obxectivo é a asistencia técnica, económica e xurídica para os municipios de menos de 20.000 habitantes na execución de competencias en servizos sociais comunitarios básicos

O pleno da Deputación de Ourense acordou hoxe por unanimidade, na sesión ordinaria correspondente ao mes de novembro, esixir o compromiso en firme para que o centro para a atención de persoas con diversidade funcional (CAPD), polo que loita a plataforma PROCAPD Ourense, estea en pleno rendemento en 2020, como expuxeron no plenario voceiras da plataforma, e esixindo que, tal e como dixo o presidente da Xunta nas últimas declaracións feitas ao respecto, antes do mes de maio de 2019 saia a licitación a obra e se teñan os pregos que rexerán o procedemento de adxudicación da mesma e o seu equipamento.

Na sesión plenaria tamén se aprobou o programa “BenOurense persoal técnico 2019” de cooperación en servizos sociais para os concellos da provincia, cuxo obxectivo é a asistencia técnica, económica e xurídica para os municipios de menos de 20.000 habitantes e mancomunidades intermunicipais, na execución de competencias en servizos sociais comunitarios básicos, programa para o que se destinan 299.511 euros.

O pleno deu luz verde, asemade, ao convenio de colaboración entre a Deputación e a entidade pública empresarial Red.es para desenvolver o proxecto de promoción turística “Ourense a tu alcance”, que conta cun investimento de 3 millóns de euros, unha iniciativa que foi seleccionada por Red.es na convocatoria do Plan nacional de territorios intelixentes da axenda dixital para España, que ten como obxectivo a colaboración coas entidades locais para a transformación dos territorios consonte ao modelo de destino turístico intelixente. “Ourense a tu alcance”, é unha plataforma integrada de turismo intelixente dos recursos turísticos da provincia, que ofrece servizos personalizados como “Siente Ourense” e experiencias inmersivas como “Ourense te guía”. Este proxecto, que pretende situar a nosa provincia como referente tecnolóxico, foi un dos 24 proxectos seleccionados de toda España e un dos catro elixidos en Galicia.

A totalidade dos acordos plenarios aprobados hoxe son os seguintes:

PLATAFORMA PROCAPD OURENSE

Acordo:

1.- Que, tal como dixo o presidente da Xunta nas últimas declaracións feitas ao respecto, antes do mes de maio de 2019 saia a licitación a obra e teñamos os pregos que rexerán o procedemento de adxudicación da mesma e o seu equipamento.

2.- Compromiso en firme para que o centro estea a pleno rendemento no ano 2020.

BENOURENSE 2019

Acordo:

1º) Aprobar inicialmente o Programa provincial de cooperación coas entidades locais en materia de servizos sociais “BenOurense persoal técnico 2019”.

Constitúe o obxecto do presente Programa Provincial de Asistencia Económica, Técnica e Xurídica aos Concellos en materia de Servizos Sociais Comunitarios para o exercicio 2019, denominado Programa BenOurense persoal técnico, o establecemento, de xeito integral e detallado, regulando os trámites para a súa total execución, das accións que lle
corresponde desenvolver á Deputación Provincial de Ourense en virtude das competencias atribuídas polos artigos 109.1.b) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia, 63 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia e 31 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, modificado polo Decreto 148/2014, de 6 de novembro, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento.

En consecuencia, e ao abeiro dos preceptos citados, o obxecto do Programa cínguese á
programación detallada das accións de asistencia técnica, económica e xurídica aos concellos con menos de 20.000 habitantes na execución das súas competencias en materia de servizos sociais comunitarios básicos. Para estes efectos, inclúense tamén as mancomunidades intermunicipais que xestionen servizos sociais dun conxunto de municipios con menos de 20.000 habitantes, ao tratarse de meras entidades instrumentais dos concellos que exercen competencias delegadas por aqueles. Tendo en conta o disposto no artigo 31.3 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, este Programa refírese á

1. Acción 1ª.asistencia económica, co obxecto de garantir o financiamento aos concellos e mancomunidades de menos de 20.000 habitantes para a contratación ou nomeamento de persoal técnico dos equipos municipais de servizos sociais comunitarios con perfís profesionais diferentes e complementarios ao de traballador/a social.

2. Acción 2ª: asistencia técnica e xurídica en materia de servizos sociais, complementaria da asistencia económica. Esta prestación levarase a cabo por persoal da Área de Benestar da Deputación, consistindo na emisión de informes técnicos e xurídicos en materia de servizos sociais. Este servizo prestarase de xeito prioritario ás entidades locais correspondentes a áreas rurais de menos de 5.000 habitantes e rurais de alta dispersión.

CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE RED.ES E A DEPUTACIÓN DE OURENSE

Acordo:

1º. Aprobar o convenio de colaboración entre a entidade pública empresarial Res.es e a Deputación Provincial de Ourense para o desenvolvemento do Plan Nacional de Territorios Intelixentes da axenda dixital para España (C075/18-SP).

O obxecto do presente convenio é o desenvolvemento da iniciativa presentada pola Deputación Provincial de Ourense, seleccionada como beneficiaria da axuda concedida por Red.es para o desenvolvemento do Plan Nacional de Territorios Intelixentes. Un resumo da devandita iniciativa recóllese no anexo III.

Para a consecución do obxecto do presente convenio, a entidade local en proceso de selección, presentou con data 22 de febreiro de 2018 unha proposta de iniciativa.

Que o obxecto da iniciativa presentada é a creación dunha plataforma integrada de turismo intelixente que lle permita ao turista acceder á información de interese dos principais recursos turísticos da provincia (“Ourense ao teu alcance”), ofrecerlle servizos personalizados (“Sente Ourense”) e experiencias inmersivas (“Ourense guíate”).

Que as actuacións necesarias para a realización da iniciativa son:
-Plataforma integradora dos recursos turísticos, que inclúa cadro de mando integral, portal web e aplicación móbil de información turística, planificador de rutas, desenvolvemento de contidos interactivos baseados en realidade aumentada (xeolocalización de elementos emblemáticos), realidade virtual e vídeo en 360, desenvolvemento de contidos dixitais dos recursos turísticos, así como a subministración e posta en marcha de cámaras de exterior, cámaras de cálculo de persoas e cámaras para tracking de vehículos en zonas de interese turístico.

A relación de actuacións non é exhaustiva nin limitativa e a Comisión de Seguimento definida na cláusula oitava deste convenio poderá definir actuacións adicionais, sempre que estas atendan aos obxectivos da proposta presentada e ao establecido nas bases da convocatoria.

En execución do presente convenio, as partes, desenvolverán as actuacións necesarias para o desenvolvemento da iniciativa presentada pola entidade local e seleccionada na convocatoria do Plan Nacional de Territorios Intelixentes.

O importe total das actuacións previstas no presente convenio ascende a 2.989.022,34 euros, correspondéndolles o seu financiamento ás partes na proporción que se detalla:
Red.es financiará o 60% do custo das actuacións previstas no presente convenio.

MODIFICACIÓN DO CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A DEPUTACIÓN DE OURENSE, A CHMS E O CONCELLO DA VEIGA

Acordo:

1º. Aprobar a modificación da cláusula segunda en canto á vixencia do convenio, o Anexo I, no referido ás anualidades nas que se executará a actuación para acomodar as achegas económicas dos outorgantes ás novas necesidades e ao ritmo de execución das actuacións e a cláusula duodécima no relativo ás referencias a encomenda de xestión, do convenio de colaboración entre a C.H. do Miño-Sil, a Deputación de Ourense e o Concello de A Veiga para o financiamento, execución e entrega, para o seu mantemento e conservación, das obras do proxecto acondicionamento, protección e mellora da conectividade das marxes do río Xares ao seu paso polos núcleos de Xares, Ponte e Baños.

CAMBIO DE DATA DO PLENO DE DECEMBRO DE 2018

Acordo:

Fixar a data de celebración do Pleno ordinario do mes de decembro, para o día 21 de decembro de 2018, venres, ás 10.00. As comisións informativas ordinarias terán lugar os días 12 e 13 de decembro, pola mesma orde que no resto dos meses.

Deja un comentario