Xoves 13 de Decembro de 2018

A Xunta promove entre as pemes de Ourense as vantaxes dos modelos de xestión baseados na responsabilidade social


A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe na cidade ourensá na xornada que tivo lugar na CEO que se enmarca no programa Responsabilízate da Consellería de Economía, Emprego e Industria
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Ourense na xornada que promove a Xunta para impulsar entre as pemes modelos de xestión competitivos e sustentables, unha iniciativa que forma parte do programa Responsabilízate co que a Consellería de Economia, Emprego e Industria está a impulsar entre o tecido empresarial un novo modelo produtivo más eficiente, sustentable e integrador para incrementar a súa competitividade.

A xornada, que se celebrou onte na Coruña e en Lugo, e hoxe tamén en Vigo, achegou ás pemes participantes en Responsabilízate os coñecementos e ferramentas útiles para desenvolver con éxito un modelo de negocio baseado na Responsabilidade Social Empresarial (RSE).

Con este programa formativo búscase xerar a sensibilidade e coñecemento sobre a RSE, achegar formación e información actual, práctica e rigorosa nesta materia e fomentar a autonomía da peme no desenvolvemento e implantación da RSE. Esta actuación complétase con formación on line que na actualidade estase a impartir a través dunha plataforma de teleformación. Este tipo de cualificación combinada permite realizar un seguimento personalizado das pemes para coñecer o seu avance de forma individual e así adaptarse a cada ritmo de aprendizaxe.

Os talleres que se impartiron na xornada dividíronse en tres módulos: A responsabilidade social empresarial, a RSE&Competitividade e a RSE&Reputación. Nos talleres prácticos repasouse a parte teórica de cada un dos módulos e leváronse a cabo cinco casos a través dos que se puxeron en práctica os coñecementos adquiridos. A iniciativa foi impartida por unha das titoras do programa Responsabilízate, Sandra Fernández. Ao finalizar a sesión presencial, cada participante recibirá un certificado.

Toca destacou que os retos globais da RSE teñen que ir encamiñados a lograr empregos que aporten estabilidade e benestar ás familias, ao tempo que sinalou a importancia de concienciar ao tecido empresarial de que apostar pola conciliación e a calidade no traballo favorece a súa produtividade.

A RSE na construción
Doutra banda, a secretaria xeral de Emprego participará a partir das 19,30 horas, tamén en Ourense, noutra xornada técnica sobre Responsabilidade Social Empresarial, nesta ocasión organizada pola Asociación Provincial de Empresarios da Construción na que se abordará, entre outros aspectos, o plan posto en marcha por este colectivo co apoio da Xunta para informar sobre a importancia da RSE e como loitar contra o intrusismo neste ámbito.

Deja un comentario