Sábado 21 de Maio de 2022

Jesús Vázquez salienta que a cativada representou o 46% dos participantes na pasada edición da San Martiño Caixabank 2018, una carreira que volveu bater récords


 

“Foron máis de 11.000 as persoas inscritas nas diferentes categorías (fronte a 10.958 o pasado ano) e superáronse os 9.000 participantes na carreira” explicou Jesús Vázquez

A pasada edición da Carreira San Martiño Caixabank volveu bater récords, cun incremento no número de inscritos e no número de participantes que chegaron á meta, con respecto ao pasado ano. Así o destacou este xoves o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno Local, na que deu conta dun informe da Concellería de Deportes en base aos resultados da 42 edición da Carreira Popular de San Martiño.
“Foron máis de 11.000 as persoas inscritas nas diferentes categorías (fronte a 10.958 o pasado ano) e superáronse os 9.000 participantes na carreira” explicou o rexedor. Na súa intervención Vázquez fixo especial fincapé na alta participación de nenos e nenas “que representaron un 46% dos inscritos, o que supón un dato significativo á hora de dimensionar a importancia que ten esta carreira no ámbito escolar”.
O rexedor tamén salientou a repercusión desta carreira a nivel de ocupación na hostalería “que rozou practicamente o 100% da ocupación desa fin de semana”. Pero detívose especialmente na súa espectacular resposta nas redes sociais.
Así, Vázquez Abad explicou que 20.012 persoas viron contidos relacionados coa San Martiño a través da conta de Facebook do Consello Municipal de Deportes; 40.121 viron contidos da carreira a través da conta da San Martiño 2018 e publicáronse un total de 3.518 fotos cunha media de 800 visualizacións e que xeraron 2.800.000 impresións nas que se amosou a imaxe dos patrocinadores e colaboradores.
“En Twitter foron preto de 70.000 impresións desde a publicación do acto de presentación da carreira e en Instagram o número de seguidores do evento foron 1.917”, concluíu o rexedor.
Entrega de vales de material deportivo aos centros educativos participantes na San Martiño
Apenas unha hora despois da rolda de prensa sobre os asuntos da Xunta de Goberno Local, o alcalde Jesús Vázquez, fixo entrega do vales de material deportivo aos centros educativos de Ourense que contaron con máis participantes.
“Grazas por facer que a San Martiño Caixabank de Ourense sexa a gran carreira de Galicia. Sodes unha parte moi importante desta proba xa que o 46% das persoas que participaron eran de centros escolares. Trátase dun éxito comparado con anteriores edicións”, sinalou Jesús Vázquez a os representantes dos centros educativos.
O Concello entregou vales por importan de 1.070 euros aos seis centros de Ourense de Infantil e Primaria que contaron con maior número de participantes.
O Santa Teresita-Carmelitas, recibiu un vale de 300 euros ao contar con 240 corredores clasificados; o CEIP Prácticas, un vale de 250 euros (229 corredores clasificados); María Auxiliadora-Salesianos, 200 euros (177); CEIP Mestre Vide, 150 euros (131); Maristas, 120 euros (116 corredores clasificados) e Luis Vives, 100 euros (93).
Tamén se repartiron vales polo mesmo importe entre os seis centros de Secundaria e Bacharelato con máis corredores clasificados: IES O Couto, vale por importe de 300 euros (188 corredores); IES Blanco Amor, 250 euros (151); María Auxiliadora – Salesianos, 200 euros (106); Padre Feijóo Zorelle, 1509 euros 8103); San José – Josefinas, 120 euros (102) e IES As Lagoas, 100 euros 99 corredores clasificados).
Ademais, fíxose entrega de vales por importe de 120 euros en materia deportivo para os 27 centros educativos que alcanzaron un mínimo de 25 deportistas clasificados.
Por outra banda, Jesús Vázquez deu conta dos sete asuntos tratados este xoves na Xunta de Goberno Local.
En Avogacía Consistorial deuse conta dunhas dilixencias previas que se están a seguir no Xulgado de Instrución número 2 contra un traballador municipal.
Na área de Licenzas Urbanísticas, Actividade, Apertura e Disciplina concedéronse tres licenzas de obra: para a substitución dun ascensor, a construción dunha vivenda unifamiliar e a reforma e dotación de instalación dun invernadoiro no Campus Norte. Esta última obra contará cun orzamento de 94.605,04 euros.
En Planeamento, Xestión Urbanística e Patrimonio aprobouse unha devolución a un particular.
En Contratación procedeuse á clasificación por orde decrecente das ofertas para a contratación do servizo de conservación, reparación e substitución de pezas dun grupo de impresoras e equipos multifunción do Concello.
En Recursos Humanos aprobouse o incremento do 0,25% no valor do complemento específico para os empregados municipais, tal como fixou o Goberno central.

Deja una respuesta