Luns 24 de Febreiro de 2020

Jesús Vázquez: “O recoñecemento de Unicef como Cidade Amiga da Infancia e da Adolescencia sérvenos de estímulo para seguir traballando e para que Ourense siga a ser un exemplo para toda Galicia”


O alcalde de Ourense recolleu en Oviedo o selo co que a Unicef distingue a labor realizada polo Concello a prol da infancia e da adolescencia, a través da posta en marcha de políticas para garantir os dereitos deste colectivo

Ourense xa conta co selo que a acredita como Cidade Amiga da Infancia. O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, recolleu esta mañá en Oviedo a distinción concedida pola Unicef á nosa cidade pola súa labor a prol da infancia e da adolescencia. A entrega tivo lugar nun multitudinario acto no Palacio de Congresos y Exposiciones da capital asturiana, e contou tamén coa presenza da concelleira de Xuventude, Sofía Godoy.
“Este recoñecemento, por parte dunha institución de prestixio como é Unicef, sérvenos de estímulo para seguir traballando a prol de políticas para favorecer á infancia e á adolescencia; e para que Ourense siga a ser un exemplo neste tipo de actuacións para toda Galicia”, explicou o alcalde Jesús Vázquez.
De feito, a cidade das Burgas é a única grande capital de Galicia que conta con esta distinción da axencia das Nacións Unidas que traballa para defender os dereitos da infancia. O selo supón unha valoración explícita por parte da Unicef á posta en marcha e promoción de políticas municipais para garantir os dereitos deste colectivo.
“Hoxe é un día positivo e feliz para a nosa cidade, porque recibir este selo de Unicef é un recoñecemento ao traballo intenso e ben feito que estamos a desenvolver dentro do Concello en materia de políticas de infancia e adolescencia”, dixo o rexedor ourensán.
Neste sentido, o alcalde destacou o compromiso e a labor realizada polos funcionarios do Concello á hora de conseguir este recoñecemento e cuxo cometido foi moi destacado polos responsables de conceder esta distinción. “A eles se debe este éxito, polo gran traballo que fixeron, de maneira transversal, e presentando este proxecto que supón que Ourense sexa un exemplo para toda Galicia”, sinalou o rexedor.
Á concesión deste selo, que tamén se lle concedeu a outras localidades españolas, contou coa asistencia do presidente do Comité Español da Unicef, Gustavo Suárez Pertierra; e de Myriam Garabito Cociña, presidenta do Comité de Galicia da Unicef.
O recoñecemento
O selo de cidades Amigas da Infancia pon en valor un modelo de xestión centrado nos Dereitos da Infancia. Para os gobernos locais recoñecidos, implica a posta en marcha dun modelo que promova e cree mecanismos reais de participación infantil, así como unha estratexia a longo prazo para incorporar a nenos, nenas e adolescentes ás políticas e accións da cidade.
O recoñecemento, que terá vigor durante catro anos, é o premio a un intenso traballo iniciado no Concello a finais de 2015, co obxectivo de cumprir os requisitos solicitados por Unicef.
Para conseguir este selo, nos últimos dous anos o Concello procedeu á elaboración e posta en marcha dun Plan Local de Infancia e realizou un informe e unha diagnose da situación da infancia e da adolescencia na nosa cidade.
Tamén se puxo en marcha unha mesa de coordinación interna (formada por representantes de 19 áreas do Concello que realizan un traballo transversal coa infancia e adolescencia) e creouse o Consello Local da Infancia e Adolescencia (órgano que da voz ao colectivo e que conta coa participación de máis de 20 rapaces con idades comprendidas entre os 10 e os 16 anos).
A concesión deste recoñecemento vai supoñer que, a partir de agora, os compromisos e recomendacións que faga a Unesco en materia de políticas de infancia e adolescencia aplicaranse tamén no Concello de Ourense.
Tamén suporá o desenvolvemento das medidas propostas polo Concello para coñecer e darlle resposta ás necesidades do colectivo: o Plan Local de Infancia e Adolescencia, a mesa de coordinación interna e o Consello Local de Infancia e Adolescencia.

Deja un comentario