Venres 14 de Agosto de 2020

PSOE e OueC marchan do Pleno para evitar votar unha modificación de crédito que permitirá dotar de mellores equipamentos aos Bombeiros de Ourense por importe de 1,2 millóns de euros


Só o PP aprobou esta dotación para poder realizar investimentos que non poden ser acometidos mediante os créditos orzamentarios que anualmente se lle asignan ao Servizo de Extinción de Incendios. “A prioridade é dotar de mellores equipamentos e recursos aos Bombeiros da cidade”, sinala o grupo de goberno

 

O Pleno do Concello de Ourense vén de aprobar, en sesión extraordinaria, unha modificación de crédito que permitirá dotar de mellores equipamentos aos Bombeiros da cidade por un importe global de 1,2 millóns de euros. Esta dotación correspóndese coas asignacións anuais de Unespa máis o 10%, que asume directamente o Concello de Ourense.

Mais tanto o PSOE como OueC evitaron darlle o seu apoio a este acordo e preferiron ausentarse do Pleno no momento da votación. Do mesmo xeito, o grupo de DO sí que participou na votación, abstivéndose na mesma.

Esta modificación de crédito non sería precisa se os grupos da oposición tivesen aprobado os orzamentos de 2017 e 2018, onde estaban contemplados estes fondos. Do mesmo xeito, o actual Goberno Municipal tivo que elaborar unha ordenanza fiscal para poder asumir eses fondos, pese a que a oposición tratou de dilatar ao máximo este proceso.

Así, este importante acordo para mellorar as condicións de traballo no Servizo de Extinción de Incendios saiu adiante só cos votos positivos do grupo de goberno do Partido Popular.

Segundo explica a proposta técnica que obra do expediente deste acordo, emitida pola xefatura do Servizo contra Incendios e Salvamentos, os obxectivos que se perseguen con esta modificación de crédito son as seguintes:

1. A realización de actividades formativas para divulgar accións preventivas de incendios. Para elo, precísase a adecuación do edificio mellorando as condicións de seguridade que permitan a execución das mesmas. Así, estas obras inclúen a cubrición do foso de cocheiras, protección de acceso ás cucañas, adecuación dos osos das varandas á presenza de nenos, instalación de sistema anti-caída dos portóns de cocheiras, tabique sectorizador do xerador de electricidade, armario contraincendios de líquidos inflamables, extracción de gases dos escapes de vehículos, instalación de liñas de vida en cocheiras e torre de adestramento e sinalización de seguridade.

2. Adaptación de oficina e cuarto de descanso, construindo un tabique e as correspondentes instalacións de electricidade, iluminación e comunicacións.

3. Mellora de protección persoal dos bombeiros. Fai falta a incorporaciónde alarmas persoais, mochilñas porta EPI, equipos de seguridade para traballos en altura e rescate en río; e equipos de respiración autónoma, entre outros.

4. Mellora na rapidez e eficiencia das intervencións. Requírese a adquisición de equipos paa a extinción de incendios, apertura de portas, apeo de fachadas, estabilización de vehículos, localización de persoas atrapadas entre cascallos, rescate e ventilación en espazos confinados, detección de gases, contención de fugas, achique de verteduras, excarcelación, iluminación de zonas de intervención, inmobilización de feridos e coxíns de salto, entre outros.

5. Adecuación dos sistemas de comunicación, información e xestións. Necesítase a posta en funcionamento dun distema de comunicacións compatible co que están a implantar os servizos de emerxencias da Comunidade Autónoma. Permitirá o seguemento das intervencións en tempo real e incluirá equipos portátiles de tratamento de información. Por elo, débese incorporar un sistema de xestión integral do Servizo que inclúa persoal, intervencións, equipos, instalacións e vehículos, entre outros.

6. Implementación de medidas de seguridade para o persoal do Parque de Bombeiros. A consecuencia da dotación de novos equipos de protección persoal é necesario incorporar taquillas no espazo onde se prepara o persoal para a saída urxente ás intervencións, no vestiario e no roupeiro onde se garda o equipo de intervención do persoal que non está de servizo.

7. Ampliación do parque móbil do Servizo de Extinción de Incendios e de Rescate. Polas carencias e deficiencias nos vehículos asignados ao Servizo, anteriormente comentadas, é necesaria a incorporación de vehículos de rescate, forestal, todoterreo, posto de mando avanzado e altura. Precísanse tamén remolques para intervencións con apontoamentos, rescate acuático e derrames de substancias químicas. Faise necesaria tamén a renovación da embarcación de salvamento.

Deja una respuesta