Xoves 13 de Decembro de 2018

A Xunta sinala a importancia da comunicación e do deseño como motor da innovación e para impulsar a competitividade das pemes


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou en Ourense na entrega dos premios Paraugas de Comunicación e Márketing e de Executivas de Galicia
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou en Ourense, na entrega dos premios galegos Paraugas de Comunicación e Márketing e de Executivas de Galicia, a importancia da comunicación corporativa e do deseño como motor da innovación do tecido empresarial e como clave para impulsar a súa competitividade. Segundo salientou Conde, incorporar o deseño á estratexia de negocio fai que as compañías medren o dobre, ao permitir dar un salto cualitativo na facturación, no acceso aos novos mercados e na produtividade.

A Xunta puxo en marcha un programa pioneiro para impulsar a implantación estratéxica do deseño, un eido sobre o que pivotan importantes sectores para Galicia e para a provincia de Ourense como é o téxtil. Precisamente, a galardoada este ano co Premio Executivas de Galicia pertence a esta industria: Adriana Domínguez, ao fronte dunha empresa familiar con máis de 40 anos de tradición como Adolfo Domínguez.

Conde sinalou que con esta distinción, Executivas de Galicia dá visibilidade ao liderado da muller no desenvolvemento socioeconómico da Comunidade, un traballo imprescindible e no que a comunicación xoga un importante papel. Neste contexto, a Xunta traballa para impulsar o desenvolvemento profesional das mulleres, avanzar na igualdade na empresa e apoiar o emprendemento feminino. De feito, Galicia conta hoxe con 17.689 desempregadas menos que en abril de 2009 e 22.878 afiliadas máis á Seguridade Social. Ademais, 8 de cada 10 mulleres ocupadas en Galicia traballan a xornada completa e máis de 7 de cada 10 teñen un contrato indefinido, ao igual que os homes.

O conselleiro, así mesmo, resaltou o traballo dos homenaxeados nos Premios Paraugas de Comunicación e Márketing, organizados polo Clúster de Comunicación Gráfica, e que recoñecen o talento en edición, impresión, deseño, creatividade, márketing e márketing dixital.

Deja un comentario