Xoves 09 de Xullo de 2020

Ourense recibirá o vindeiro martes en Oviedo o selo concedido pola Unicef que a acredita como a única grande capital de Galicia recoñecida como Cidade Amiga da Infancia


Coincidindo coa celebración do Día Internacional dos Dereitos da Infancia, o alcalde Jesús Vázquez, resaltou que “as cidades teñen a obriga de conceder os seus espazos e o seu protagonismo ás novas xeracións, para que se sintan parte activa da sociedade que queremos para o día de mañá”

O vindeiro martes, 27 de novembro, o Concello de Ourense recibirá en Oviedo o recoñecemento como Cidade Amiga da Infancia, que lle concedeu a finais do mes de outubro a Unicef pola súa labor a prol da infancia e da adolescencia, coa posta en marcha e promoción de políticas municipais para garantir os dereitos deste colectivo.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, será o encargado de recoller este galardón co que, por primeira vez, este organismo internacional recoñece a unha das grandes capitais de Galicia polo seu esforzo á hora de dar protagonismo á cativada e aos adolescentes.

Coincidindo hoxe coa celebración do Día Internacional dos Dereitos da Infancia, o alcalde Jesús Vázquez, resaltou que “as cidades teñen a obriga de conceder os seus espazos e o seu protagonismo ás novas xeracións, para que se sintan parte activa da sociedade que queremos para o día de mañá, e que estamos a sementar baseada nos valores da igualdade, o respecto e a cercanía”.

O rexedor aposta porque a cativada e os adolescentes se acheguen as institucións, as coñezan por dentro e fagan oír as súas voces e as súas inquedanzas. “Coa súa colaboración os nosos esforzos por darlles respostas serán máis efectivos e poderemos atallar os temas que máis lles preocupan no seu día a día”.

O alcalde de Ourense recordou que a concesión do selo Cidades Amigas da Infancia por parte da Unicef “é un recoñecemento de primeiro nivel ao gran proxecto de cidade que nos fixamos, e que aposta por converter este mandato no máis social da historia de Ourense”, neste caso “dándolle representatividade á xuventude”.

O selo de cidades Amigas da Infancia pon en valor un modelo de xestión centrado nos Dereitos da Infancia. Para os gobernos locais recoñecidos, implica a posta en marcha dun modelo que promova e cree mecanismos reais de participación infantil, así como unha estratexia a longo prazo para incorporar a nenos, nenas e adolescentes ás políticas e accións da cidade.

Para conseguir este selo, nos últimos dous anos o Concello procedeu á elaboración e posta en marcha dun Plan Local de Infancia e realizou un informe e unha diagnose da situación da infancia e da adolescencia na nosa cidade.

Tamén se puxo en marcha unha mesa de coordinación interna (formada por representantes de 19 áreas do Concello que realizan un traballo transversal coa infancia e adolescencia) e creouse o Consello Local da Infancia e Adolescencia (órgano que da voz ao colectivo e que conta coa participación de máis de 20 rapaces con idades comprendidas entre os 10 e os 16 anos).

A concesión deste recoñecemento vai supoñer que, a partir de agora, os compromisos e recomendacións que faga a Unesco en materia de políticas de infancia e adolescencia aplicaranse tamén no Concello de Ourense.

Tamén suporá o desenvolvemento das medidas propostas polo Concello para coñecer e darlle resposta ás necesidades do colectivo: o Plan Local de Infancia e Adolescencia, a mesa de coordinación interna e o Consello Municipal de Infancia e Adolescencia.

Deja una respuesta