Luns 27 de Maio de 2019

Ourense participa no primeiro encontro de profesionais do turismo organizado pola Rede de Cidades Ave en Madrid


 

Presentará a súa oferta turística nunha sesión B2B con máis de 80 axencias de viaxes con sede na capital

 

O Concello de Ourense, a través da Concellaría de Turismo e Termalismo participa esta tarde no primeiro Travel Meeting de Cidades Ave, unha xornada profesional organizada por esta rede, da que Ourense é membro, en colaboración coa Confederación Española de Axencias de Viaxe.

Máis de 80 da axencias de viaxes e prensa especializada asisten a este encontro que terá lugar no Hotel NH Eurbuilding de Madrid a partir das 18.30. O programa inclúe unha mesa redonda para a presentación da rede, e un obradoiro de traballo coas axencias compradoras nas que os destinos participantes poderán presentar a súa oferta turístico e oportunidades de negocio.

Ao redor de 20 destinos participan neste encontro, o primeiro destas características que organiza a rede, e no que Ourense estará representado por persoal técnico da Concellaría de Turismo, xunto cunha delegación de empresas locais do sector que se sumaron á convocatoria. A oferta termal, pero tamén outros atractivos como o patrimonio ou a gastronomía centrarán a sesión de traballo, ademais das últimas novidades en materia de aloxamento e turismo receptivo.

A participación neste obradoiro permite establecer contacto directo cos profesionais turísticos que operan en Madrid e contribúe ao coñecemento do destino nesta comunidade, o principal mercado emisor de Ourense: en 2017 o 16% dos turistas que acudiron a oficina municipal proviñan de Madrid.

Red de Ciudades AVE

A Rede de Cidades AVE é a asociación de destinos turísticos de España conectados pola Alta Velocidade que traballa co obxectivo de promocionar as cidades que a integran baixo unha estratexia común, así como os seus produtos Renfe Spain Pass e Avexperience. Na actualidade, a Rede de Cidades AVE está presidida por Sevilla e constituída polas cidades de Albacete, Alacante, Antequera, Barcelona, Calatayud, Cidade Real, Córdoba, Conca, León, Lleida, Madrid, Málaga, Ourense, Palencia, Puertollano, Segovia, Sevilla, Tarragona, Toledo, Valencia, Valladolid, Villanueva de Córdoba, Villena, Zamora e Zaragoza, que son membros de pleno dereito, así como Elxe, Granada, Murcia e Talavera de la Reina como cidades adheridas.

Deja un comentario