Sábado 23 de Febreiro de 2019

O alcalde de Ourense solicítalle ao Goberno central que aprobe urxentemente o proxecto da Variante Norte e recórdalle que existía un compromiso para a súa licitación antes de que rematara o ano


O rexedor confirma que “non vai consentir unha paralización” do proxecto, tal como apuntan as mensaxes que están a chegar dende Madrid, e sinala había unhas pautas e prazos establecidos, que se estaban cumprindo co anterior Goberno central

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, confirma que o Concello “non vai consentir unha paralización” da Variante Norte e solicitalle ao Goberno central que se aprobe urxentemente o proxecto para a súa licitación, porque “temos a seguridade de que había unhas pautas e uns prazos establecidos, que se estaban cumprindo, así como unha dotación económica e un compromiso de licitación desta obra, antes de que rematara o ano”.
Así o dixo en resposta a preguntas dos periodistas sobre as cartas remitidas con carácter urxente ao ministro de Fomento, José Luis Ábalos; e ao secretario de Estado de Infraestructuras, Pedro Saura, para solicitarlles unha reunión co gallo de despexar as dúbidas entorno a este proxecto fundamental para o futuro da cidade.
“Facer orzamentos é complicado, porque hai que facer cadrar as contas. O que non se pode facer é cadrar as contas á costa de eliminar inversións na nosa cidade ou na nosa comunidade. Había un compromiso claro e só pedimos que se siga cumprindo con ese compromiso”, insiste Jesús Vázquez.
O rexedor está preocupado “porque as mensaxes que se están a mandar desde o Goberno central, en distintas reunións con diferentes administracións, non son positivas”, até o punto de que se lle trasladou ao Concello a posibilidade de que non aparezan nin dotación económica nin prazos futuros para a Variante Norte.
“Se está lanzando a mensaxe de que, a priori, parece que este proxecto vai quedar aparcado. E iso non o vamos consentir. Necesitamos saber que contías e que prazos de tempo se van manexar nun futuro”, sinala o rexedor, que tamén recorda que neste proxecto “xa quedara todo o traballo feito e preparado” co anterior goberno de España de cara a súa aprobación definitiva e a súa licitación.
O alcalde recorda que ademais do proxecto da Variante Norte o Concello ten varios temas enriba da mesa co Goberno central e referiuse os proxectos culturais como a apertura da Biblioteca “que se fala do primeiro trimestre de 2019” ou o compromiso de que o Museo Arqueolóxico, que xa ten licenza, sería licitado antes de fin de ano. Nestes casos, o rexedor recoñeceu que “hai un retraso con respecto ás previsións do anterior secretario de Estado de Cultura, pero non unha paralización”.

Deja un comentario