Martes 20 de Novembro de 2018

Ourense en Común bota en falta o Centro de Interpretación da Ponte Vella aprobado polo pleno


A corporación foi unánime dando apoio á moción presentada polo grupo no mes de agosto, para converter a oficina de información turística da Ponte Vella nun Centro de Interpretación do monumento

Logo da presentación en Ourense da segunda fase do proxecto de posta en valor da Ponte Vella, Ourense en Común manifestaba hoxe botar en falta o Centro de Interpretación do monumento que, a proposta do grupo en forma de moción, a corporación ourensá aprobaba unánimemente no pasado mes de agosto.
Desde o grupo cualifican como “unha torpeza” que a intención da Xunta de clausurar a oficina de turismo da Ponte Vella, e o acordo no Concello para a súa reconversión en aula interpretativa, non fóran vistos polo Partido Popular como “unha oportunidade ben simple de incorporar á presentación de hoxe o compromiso real coa Ponte e a súa historia”, criticando ademais o “conformismo do alcalde, por non exixir máis”.
Declaran que “está moi ben enfatizar cun mirador as vistas ao Miño, pero se o que se quere poñer en valor é a Ponte, tamén hai que mirar cara ao propio monumento”, polo que insisten na necesidade de “comprometer o uso” ao que se van destinar esas dependencias, transformándoas nun “espazo con sentido e contido, onde dar a coñecer a toda a veciñanza de Ourense e aos visitantes a historia desta importante infraestrutura, hoxe Ben de Interese Cultural, que permitiu poñer en contacto as dúas beiras do Miño”.

Zona de los archivos adjuntos

Deja un comentario