Martes 20 de Novembro de 2018

As obras da segunda fase da posta en valor da Ponte Vella de Ourense comezarán antes do verán de 2019


O proxecto completa o de 2016, centrándose agora máis na contorna da ponte, aínda que prevendo tamén accións na mesma

A sala Valente acolleu, esta mañá, a presentación do proxecto da segunda fase de posta en valor da Ponte Vella de Ourense, que incluirá a mellora da zona da capela dos Remedios, e cuxas obras comezarán antes do verán de 2019. Ao acto asistiron a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Turismo, Manuel Vila, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, quen salientou a excelente colaboración entre ambas institucións. “É un novo paso no noso obxectivo de devolverlle aos cidadáns o protagonismo nos espazos públicos”, dixo, “proxectos ambiciosos pensados para a cidadanía e para perdurar no tempo”.
O rexedor ourensán puxo de manifesto “a especial sensibilidade da conselleira Ethel Vázquez coa nosa cidade, que nos permitiu dar un pulo á recuperación da zona histórica para devolverlle o seu carácter de centro vivo e dinámico, a través da rehabilitación de vivendas; e conquerir que dúas das principais vías de entrada á nosa cidade dean respostas ás necesidades dunha urbe do século XXI”.
Vázquez abad amosou o seu convencemento de que logo da finalización destas obras a Ponte Romana “será unha das imaxes e referencias máis queridas da nosa cidade. Non só para os visitantes que veñen con intención de descubrir os nosos monumentos, tamén para todos os que amamos este monumento único”.
Pola súa banda, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez Mourelle, destacou que a Xunta está a achegar un investimento global de 1,5 millóns de euros na potenciación da Ponte Vella e todo o seu contorno, xa que aos traballos presentados hoxe, cun orzamento dalgo máis dun millón de euros, cómpre sumarlle o medio millón xa investido na 1ª fase.

Este proxecto está enmarcado na colaboración entre as consellerías de Infraestruturas e Mobilidade, a de Cultura e Turismo e o Concello de Ourense, que posibilitou que en 2016, xa se levara a cabo a conservación e restauración da infraestrutura, así como a retirada da tubaxe que a cruzaba. Tamén se efectuou un cambio da iluminación, con luminarias led, de cara a realzar a monumentalidade da ponte vella e potenciar o seu atractivo turístico.
A conselleira avanzou que agora se dá un paso máis avanzando na 2ª fase, tal como se tiña comprometido. Aínda que se farán traballos na ponte, actuarase máis sobre o contorno, coa mellora da zona da capela dos Remedios e o espazo inmediato coa Ponte Vella.
Liberarase a zona hoxe ocupada polo parque de skate, que se reconstruirá no barrio do Couto, para acadar un espazo amplo e aberto que sirva de antesala á capela e como conexión coa ponte e a oficina de turismo.
Ethel Vázquez indicou que se favorecerán as conexións peonís desde distintos puntos da cidade cara a este conxunto patrimonial, coidando o mobiliario e creando un espazo máis humano, pensado para o desfrute de veciños e turistas. Habilitarase un miradoiro desde o que poder contemplar a Ponte Vella, o río Miño e todo o contorno da capela dos Remedios.
Estas accións permitirán realzar a monumentalidade da Ponte Vella e da capela dos Remedios, ao tempo que os amantes do skate contarán cun espazo propio para a práctica deste deporte, máis adaptado e mellor integrado no contorno urbano. Ethel Vázquez subliñou que se trata dun conxunto de accións para lograr un espazo de continuidade que poida ser aproveitado polos veciños como lugar de desfrute e encontro, e tamén como punto de referencia obrigada para todos os turistas que se acheguen ata Ourense. “O río Miño e as pontes que o cruzan forman parte indisoluble da identidade e do potencial turístico desta cidade”, concluiu a conselleiro, lembrando que o Executivo autonómico tamén acometeu a renovación da Ponte do Milenio, actuando sobre a estrutura.

Deja un comentario