Martes 20 de Novembro de 2018

Manuel Baltar reúnese coa delegada de AISGE en Galicia, Isabel Blanco


 

Con motivo do inicio do Festival de Cine de Ourense (OUFF), o presidente da Deputación de Ourense e a intérprete abordaron futuras liñas de colaboracións entre ambas entidades

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu a delegada de Artistas Intérpretes, Sociedad de Gestión (AISGE) en Galicia e Patrono da Fundación AISGE, Isabel Blanco, para abordar posibles acordos de colaboración entre ambas entidades. AISGE é unha sociedade sen ánimo de lucro que se encarga de xestionar os dereitos de propiedade intelectual dos artistas do ámbito audiovisual.

Esta reunión, celebrada de cara o vindeiro inicio do OUFF, ten como obxectivo atopar liñas de converxencia entre as dúas entidades. Pola súa parte, Isabel Blanco dixo que “a Fundación AISGE podería entrar como colaboradora do OUFF en 2018, comprometéndose de novo coa celebración deste festival ó que leva apoiando dende o ano 2003”.

AISGE móstrase disposta a que se manteña a relación nesta nova etapa do Festival de Cine de Ourense coa Deputación á fronte. Neste primeiro encontro entre o presidente do goberno provincial e a actriz, definíronse as liñas que marcarán o novo acordo e que buscan a continuidade deste frutífero vínculo, que ten como obxectivo final apoiar e promocionar o noso cine, actores e actrices.

Isabel Blanco é unha recoñecida actriz galega, gañadora de dous premios Mestre Mateo. Moi pronto se fixo un oco nas casas dos telespectadores galegos coa súa participación en series tan populares como “Mareas Vivas”, “Rías Baixas”, “Avenida de América” ou “Platos Combinados”. Tamén ten participado en series estatais como “Cuéntame”, “Nada es para siempre” ou “Yo soy Bea”. A nivel cinematográfico cabe destacar os seus traballos en “El lápiz del carpintero” de Antón Reixa, “Un franco, catorce pesetas” de Carlos Iglesias ou en “Agallas” de Andrés Luque e Samuel Martín.

Deja un comentario