Martes 20 de Novembro de 2018

O programa autonómico de prevención de consumo de substancias adictivas visita, esta fin de semana, os espazos de lecer nocturno da cidade de Ourense


 

Con motivo da festividade dos Magostos, a furgoneta do programa A que xogas? percorrerá a zona de Viños ou a praza da Estrela, entre outras localizacións, para realizar actividades de prevención e información sobre substancias adictivas e consumo de alcol

 

Os espazos de lecer nocturnos da nosa cidade recibirán a visita, esta fin de semana de Magostos, da furgoneta do Programa de prevención do consumo de substancias adictivas pertencente ao Servizo de Prevención de Condutas Adictivas da Xunta de Galicia. O equipo de A que xogas? Coñece as normas, ti decides percorrerá a zona de Viños e os seus arredores co obxectivo de informar a mocidade, dun xeito lúdico e en horario de 0:00 a 3:00 horas, sobre as drogas máis comúns e sobre os perigos do consumo masivo de alcol.

En colaboración coas concellerías de Asuntos Socias, Sanidade, Igualdade, Xuventude e Voluntariado do Concello de Ourense, as educadoras sociais do programa A que xogas? realizarán dinámicas sobre prevención co uso das novas tecnoloxías e dos xogos interactivos. Os participantes que se acheguen até o expositor poderán facer a súa propia chapa ou levarse unha camiseta do programa totalmente de balde.

A actividade está dirixida por especialistas neste tipo de actuacións cara á mocidade no que tamén se cobren unhas enquisas sobre os hábitos nocturnos da mocidade e os seus costumes, pero tamén se informa sobre os mitos e crenzas ao redor do consumo de substancias. Estas intervencións serven, ademais, para recabar información para futuros programas preventivos nun público obxectivo que vai dos 16 aos 35 anos

Entre os obxectivos do programa A que xogas?, desenvolvido polo Servizo de Prevención de Condutas Adictivas da Consellería de Sanidade da Dirección Xeral de Saúde Pública, están o de proporcionarlle información veraz, obxectiva e adaptada á mocidade sobre as substancias adictivas; aumentar a percepción do risco no consumo de tabaco, alcol, cannabis, cocaína e outras substancias adictivas nos contextos de lecer; recabar información a través das enquisas e crear un ambiente de participación activa a través de valores positivos.

Deja un comentario