Martes 20 de Novembro de 2018

Monterrei contará cun Centro de interpretación da imprenta incunable de Galicia


 

Manuel Baltar participou na presentación deste proxecto que pretende poñer en valor a historia desta vila ourensá onde se imprimiu o primeiro libro en Galicia, Missale Auriense, no ano 1494

O municipio de Monterrei contará cun Centro de Interpretación da imprenta incunable de Galicia para “poñer en valor un feito histórico “como foi que o primeiro libro impreso en Galicia fora impreso en Monterrei, por Gonzalo Rodrigo de la Passera e Xohán de Porres, o 3 de febreiro de 1494, o Missale Auriense, explicou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na presentación deste proxecto, hoxe, no antigo hospital da Trindade, en Monterrei, acompañado polo alcalde da vila, José Luís Suárez, e pola historiadora Mónica Rocha.

O presidente da Deputación de Ourense destacou o apoio do goberno provincial a prol de “cuestións que nos son propias e, sobre todo, vencelladas ao mundo da cultura. Por elo, da man do concello de Monterrei e coordinado pola Deputación de Ourense poñeremos en marcha un Centro de Interpretación, unha exposición, onde todos aqueles visitantes que se acheguen a Monterrei teñan a posibilidade de ver en paneis explicativos a historia da imprenta en Monterrei e do Missale Auriense, un espazo onde poderán contemplar tamén a reprodución dunha imprenta Gutenberg, xunto cunha réplica do libro e con música das partituras deste libro”, explicou Manuel Baltar.

Este proxecto, que pretende dar visibilidade a un feito histórico, “será un espazo expositivo de referencia que conmemora ese fito, o primeiro libro impreso en Galicia logo da invención da imprenta e que volve a poñer en valor a importancia de Ourense”, engadiu o presidente do goberno provincial.

O Centro de interpretación da imprenta incunable de Galicia dará a coñecer “a importancia cultural que no seu tempo tivo a vila de Monterrei e, en particular, a súa condición de sede da primeira imprenta de Galicia”, salientou José Luís Suárez.

Deja un comentario