Martes 20 de Novembro de 2018

O Concello presenta para a súa aprobación a ordenanza que prohibe expresamente a práctica do botellón nos espazos públicos da cidade e aposta pola prevención


“O texto promoverá o dialogo e a participación da cidadanía no deseño de medidas preventivas a adoptar, e contará sempre co asesoramento das familias”, segundo o alcalde, Jesús Vázquez

O Concello de Ourense quere previr o consumo de bebidas alcohólicas nos espazos públicos e aprobou, en xunta de goberno local, o proxecto de ‘Ordenanza reguladora da convivencia cívica e a protección da saúde derivada do consumo, venda, publicidade e promoción de bebidas alcohólicas no espazo público’. O texto, que “prohibe expresamente a practica do botellón nos espazos públicos”, segundo avanzou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, en rolda de prensa, “aposta pola prevención e recolle medidas preventivas no ámbito escolar, familiar, comunitario e sanitario”. A proposta da Concellería de Sanidade tamén recolle limitacións e prohibicións da publicidade, da promoción, subministración e venda de bebidas alcohólicas e establece sancións para os que incumpran as normas que van desde os 601,01 euros, no caso das infraccións leves, até os 10.517,71 das máis graves.
O proxecto pretende desenvolver “a competencia municipal no consumo de bebidas alcohólicas de calquera gradación na vía pública para evitar altos índices de consumo, os problemas de convivencia e a potencial deterioración de espazos naturais e urbanos que se derivan das reunións masivas de mocidade no espazo público co alcol como vehiculizador”, asegura o rexedor. “Entendemos por espazo público toda a vía pública, zona ou área ao aire libre ou patrimonial do concello de Ourense, polo que a presente ordenanza é de aplicación en todo o termo municipal”, dixo.
Os ámbitos prioritarios céntranse no ámbito escolar, familiar, comunitario e sanitario. Neste sentido, o espírito da ordenanza dálle ao Concello unha serie de obrigas coma as de facilitar o asesoramento e orientación; realizar intervencións socioeducativas sobre prevención do consumo de alcol e reforzar as actividades de lecer e de tempo libre desligando o concepto de diversión con consumo de alcol. Tamén se promoverá o dialogo e a participación da cidadanía no deseño de medidas preventivas a adoptar, e contará sempre co asesoramento das familias.
“A Policía Local será o órgano capacitado para investigar, inspeccionar, recoñecer e controlar este fenómeno e todas as súas derivacións”, dixo Vázquez Abad.
No capítulo de prohibicións, a ordenanza prohibe calquera campaña, en xeral, dirixida a menores de dezaoito anos que induza directa ou indirectamente ao consumo de bebidas alcohólicas. Pero tamén ataca á publicidade directa, indirecta ou subliminar de bebidas alcohólicas en centros con presenza de menores. Así mesmo, non se permitirá a oferta de agasallos ou promocións que inciten ao consumo abusivo de alcol, caso das ofertas 2×1.
Tampouco se permitirá o patrocinio ou financiamento de programas, espazos, servizos ou páxinas con distintivos de bebidas alcohólicas en actividades infantís, xuvenís deportivas, educativas, recreativas ou espectáculos públicos, cuxo público destinatario sexan os menores de idade
O proxecto de ordenanza quere prohibir a venda de alcol en descampados, praias fluviais, ríos, merendeiros entre as 22:00 e as 09:00 horas do día seguinte, excepto que se dispoña da pertinente autorización municipal. Na vía pública, non está permitida a venda e consumo de alcol, salvo en terrazas e veladores. Tamén se prohibe a venda e subministración de bebidas alcohólicas a menores en gasolineiras e áreas de servizo, onde as bebidas estarán separadas do resto dos produtos. No caso de festas propias da cidade, barrios, feiras, festivais, concertos e festexos populares, caso dos Magostos, deberán utilizarse envases seguros e autorizados e exhibir cartel que lembre a vixencia da prohibición de venda de alcol a menores de idade.
O botellón. A presente ordenanza especifica, explicitamente, a práctica do botellón nos seguintes termos: Está prohibido o consumo de alcol nos menores de 18 anos. Queda prohibida a “práctica do botellón”, entendéndose como o consumo de bebidas alcohólicas non procedentes da hostalaría, nos espazos públicos. Queda especialmente prohibido cando este poida alterar gravemente a convivencia cidadá.
Esta alteración prodúcese cando con independencia do número de persoas concentradas, concorran algunha destas circunstancias: que a morfoloxía ou natureza do lugar público o consumo se poida facer de forma masiva por grupos de persoas ou convide á aglomeración; que o consumo se exteriorice en forma denigrante para os viandantes e usuarios de espazos públicos; e que implique degradación de espazos públicos, zonas verdes, provoque ruídos ou malestar veciñal.
No tocante aos espazos privados, se existe concentración permanente de persoas bebendo alcol sen autorización ou licenza, atenderase ao establecido na normativa vixente. Os titulares, xerentes, responsables ou empregados de establecementos privados estarán autorizados a solicitar dos seus clientes os documentos que acrediten a súa idade.
Infraccións. Tipifícanse como infraccións leves as contempladas na normativa autonómica que regula a prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade. Considéranse infraccións graves, en grao mínimo e medio, a reincidencia en infraccións leves, ou cando gravemente se realice oposición activa ou ofensa á autoridade competente. Así, o Concello tería competencia para sancionar, de acordo coas normas de rango superior existentes, por infraccións leves segundo a súa gravidade: As infraccións leves, dos 601,01€, grao mínimo; dos 601,02€ aos 1803,04€, grao medio; e dos 1.803,05€ aos 3.005,06€ no grao máximo.
En canto ás graves, van dos 3.005,07€ aos 6.010,12€, e dos 6.010,13 € aos 10.517,71€, en función da gravidade.
Porén, a autoridade competente para a imposición das sancións poderá decidir a substitución da sanción pola inclusión en programas formativos e informativos e-ou a realización de servizos ou actividades en beneficio da comunidade. Estas serán preferentemente ligadas ao tipo de dano efectuado, co fin de reforzar o aspecto educativo e valorar o impacto da infracción causada.
Este foi só un dos 22 asuntos da xunta de goberno local celebrada esta mañá.
Avogacía Consistorial (8). Tres emprazamentos, catro sentenzas e un auto.
O Concello foi emprazado a comparecer no Contencioso Administrativo nun procedemento interposto por unha empresa logo de desestimarse a súa reclamación por responsabilidade patrimonial por danos causados por unha filtración de auga nun local da zona do Couto.
Tamén deberá presentarse no procedemento contra un acordo de xunta de goberno local de xullo deste ano que desestima unha reclamación de responsabilidade patrimonial polas lesións sufridas por unha caída xunto ao centro comercial. Finalmente, en calidade de codemandado, contra a desestimación dunha reclamación de responsabilidade patrimonial polos danos sufrido nun vehículo tras a caída da póla dunha árbore no aparcadoiro das termas de Outariz.
En canto ás sentenzas, a primeira vén ditada polo Xulgado de Menores e condena a facer 40 horas de traballos para a comunidade a un menor logo de ser sorprendido tirándolle pedras aos farois do Parque Miño. A segunda das sentenzas desestima o recurso dun particular que reclamaba a retirada dunha sanción de tráfico de 200€ por estacionar en zona perigosa obstaculizando a circulación. Pola súa banda, o Contencioso Administrativo número 2 desestima un recurso dun Policía Local sobre un concurso de promoción. Malia quedar en terceira posición, reclamaba a praza xa que primeiro e segundo renunciaron e pediron excedencia, respectivamente. O capítulo de sentenzas finaliza coa inadmisión dun recurso presentado polo sindicato SPPME contra as bases da Oferta Pública de Emprego 2014.
“Esta decisión”, argumentaba o alcalde, “coincide plenamente cos argumentos da sentenza publicada o pasado 20 de xullo, polo Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Ourense, que non admitiu a solicitude de nulidade das bases e a convocatoria das prazas da Policía Local na Oferta Pública de Emprego do ano 2013”. A maxistrada sinala que “tampouco nesta ocasión os recorrentes xustifican nin proban os intereses que poida ter o sindicato” e recorda que o SPPME interveu na redacción, proposición e votación na Mesa de Negociación da aprobación das bases da convocatoria discutida.
O apartado xurídico remata cun auto ditado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na execución provisional dunha sentenza contra os intereses do Xurado de Expropiación de Galicia e do Concello de Ourense.
Disciplina (1). Aprobouse iniciar de oficio os trámites para declarar expediente de ruína técnica un inmoble en Rabo de Galo, de acordo ao informe do aparellador municipal e do xurídico do Concello. Os propietarios teñen un mes para presentar os documentos pertinentes na defensa dos seus dereitos.
Planeamento, Xestión Urbanística e Patrimonio (4). Requiríuselles a dous particulares o pago de 93,95 euros e de 82,43 euros, polos danos causados en senllos sinais verticais nas rúas Florentino Cuevillas e Emilia Pardo Bazán, respectivamente. Tamén se lle solicitou a outro particular o pagamento de 907,50 euros polos danos causados nun farol de alumeado público situado na rúa Alfonso Rodríguez Castelao.
Por último, non se admitiu a reclamación de responsabilidade patrimonial dunha particular polas lesións sufridas por mor dunha caída na rúa do Progreso, por non ser o Concello a Administración competente para resolvela.
Contratación (4). Acordouse a distribución de gasto por anualidades do lote número 1 de subministración de enerxía eléctrica do Concello de Ourense, adxudicado o 16 de agosto de 2018 a Watio Wholesale. S.L. por un importe total de 1.029.510,29 euros.
Tamén se aprobou o expediente para contratar, mediante procedemento aberto, a subministración en lotes da renovación e mantemento de diversas licenzas de software do Concello de Ourense, en réxime de tramitación anticipada de gasto, para os anos 2019 e 2020 por un importe total de 86.096,2 euros (43.048,10 euros anuais, IVE engadido)
Ademais, aprobouse o expediente para contratar, mediante procedemento aberto, o mantemento dos servidores e cabinas de almacenamento do Concello de Ourense para as anualidades 2019 e 2020 por un orzamento total de 30.369,74 euros (15.184,87 euros por anualidade, IVE engadido).
Por último, declarouse deserta a contratación por procedemento aberto do seguro de responsabilidade civil do Concello de Ourense. Neste sentido, requíreselle á compañía que retirou a oferta presentada o pagamento de 9.300 euros correspondente ao 3% do orzamento base de licitación.
Servizos Xerais (1). Aprobouse a corrección dun erro no texto do acordo da Xunta de Goberno Local de 18 de outubro de 2018 referido á aprobación do gasto de contratación da subministración de carburante para o parque móbil do Concello. O CIF da empresa concesionaria non era o correcto.

Deja un comentario