Martes 20 de Novembro de 2018

O Concello reforza o Programa de axudas para libros, material escolar e comedores escolares para menores en situación de vulnerabilidade a través dun convenio con Caixabank


O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e o director territorial de CaixaBank en Galicia, Emilio Barreiro, formalizaron o acordo esta mañá no salón de plenos municipal

O Concello de Ourense e a entidade bancaria Caixabank asinaron, esta mañá no salón de plenos, un convenio para reforzar o Programa de axudas para libros, material escolar e comedores escolares para menores en situación de vulnerabilidade.
Desta maneira, Caixabank comprométese a achegar 29.000 euros para que ninguén quede en lista de agarda, unha vez valoradas todas as solicitudes. “Temos un moi bo aliado no eido social”, afirmaba o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, logo da sinatura. “Esta axuda grazas á cooperación institucional público-privada é unha grande noticia para as familias que máis precisan de nós en Ourense”, dixo.
Emilio Barreiro, director territorial de Caixabank en Galicia, afirmaba que a súa entidade actúa “onde se detecta unha necesidade urxente entre os sectores máis desfavorecidos, pero se é o caso da infancia non podemos vacilar”, afirmou. E é no capítulo de axudas para comedores escolares concedéronse 414 axudas (por un importe total de 223.208,6 euros, 66.962,58€ neste ano e 156.246,02€ para 2019), pero quedaron 51 solicitudes en lista de agarda.
No tocante a libros e material escolar, concedéronse 179 axudas por importe de 19.505 euros.
Colaboración permanente entre as dúas institucións
O rexedor salientou que a colaboración con Caixabank “non é nova nin moito menos inédita neste mandato municipal”. Así, “puxemos en marcha en 2016 o programa de tarxetas de axuda social a persoas en risco de exclusión social (40.000 euros); en 2017 colaboraron con 20.000 euros na rehabilitación de vivendas de emerxencia social en Covadonga; tamén desde 2017 temos en marcha o programa CaixaProinfancia contra a pobreza infantil dotado con 75.000 euros cada ano”, lembraba.
A maiores, Caixabank colabora coas magníficas exposicións temporais anuais -actualmente O Ártico rompe, no Xardín do Posío- ou a colaboración co tecido asociativo social da nosa cidade: Aspamadis, Down Ourense, Feafes, Proxecto Home, Autismo Ourense, Cruz Vermella, etc. A entidade bancaria é, ademais, patrocinadora principal da Carreira do San Martiño durante as súas últimas catro edicións.
“Caixabank ten o compromiso e a vontade de achegar valor a Ourense”, engadía o seu director territorial, “sobre todo valor social”.

Deja un comentario