Martes 20 de Novembro de 2018

Debate sobre o estado da provincia: 32 medidas para seguir dinamizando Ourense


 

Manuel Baltar destaca “a xestión económica e de servizos da Deputación, a transparencia e a cooperación cos concellos, como fitos fundamentais nunha provincia mellor que a do ano 2015”, afirma

32 medidas para seguir dinamizando Ourense. Esa é a conclusión do debate sobre o estado da provincia, celebrado hoxe no Pazo Provincial, un plenario no que o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou “a xestión económica e de servizo a Ourense” realizada pola Deputación, remarcando como fitos fundamentais “nunha provincia que está mellor que en 2015”, “a previsibilidade, como primeira administración pública en aprobar os orzamentos, a transparencia e cooperación cos concellos”, afirmou.

“Ourense non pode ser nunca unha abstracción” dixo parafraseando a Vicente Risco, “ten goberno de seu, e está chamada a ter un destacado protagonismo no século XXI”, expresou en referencia á chegada da alta velocidade e ás iniciativas innovadoras que o goberno provincial desenvolve nos ámbitos termal, turístico, tecnolóxico, medioambiental e cultural.

Tamén se referiu ás políticas de emprendemento, defendendo a creación en Ourense do primeiro Campus de Formación Profesional de Galicia, “un proxecto que marcaría un antes e un despois no desenvolvemento formativo e económico de Ourense”. Baltar considera que este proxecto formativo permitiría crear unha rede de centros de formación profesional que estaría integrada polos que imparten ciclos na provincia de Ourense, así como itinerarios formativos de FP Dual, en colaboración coas empresas.

“Así llo propuxen ao presidente da Xunta hai unhas semanas -explicou-, solicitando que Ourense acolla este proxecto, previsto inicialmente para Vigo e feito público o desencontro entre as institucións chamadas a ser socias impulsoras do mesmo”, engadindo que o goberno de Galicia “sabe que a Deputación de Ourense pode coliderar esta iniciativa asumindo as responsabilidades que o Consorcio da Zona Franca, ao parecer, declinou”. Neste sentido, defende que a Deputación de Ourense “está en condicións de achegar a contía financeira esixida ao socio vigués así como as necesidades loxísticas que se precisan para lograr o éxito”.
“Sería un éxito para Ourense e para Galicia -sinalou-, pois o Campus de Formación Profesional marcaría un antes e un despois no desenvolvemento formativo e económico, xa que este proxecto complementaríase con iniciativas como “Provincia Termal”, “Provincia Intelixente”, “Ourense Destino Turístico Intelixente”, a xestión de servizos aos concellos ou aposta polos servizos sociais, políticas medioambientais ou actividades culturais, accións que definen unha institución con experiencia e capacidade económica e técnica para asumir con solvencia o reto de calquera proxecto”, expresou Manuel Baltar.
O presidente do goberno provincial presentou neste debate sobre o estado da provincia, “inédito en Galicia e pioneiro en España”, un total de 10 novas medidas, a título persoal, como xa fixera nos anteriores debates do estado da provincia, “que impulsaremos desde o goberno provincial e que serán realidade nos vindeiros meses, algunhas delas, incluídas xa no Plan “Ourense 7273” do próximo mandato 2019-2023”, dixo. Son as seguintes:
1.- TURISMO DEPORTIVO. Xornada formativa de turismo deportivo, afondando na estratexia de creación dun ecosistema de turismo deportivo, que impulsa a Deputación de Ourense. Terá carácter profesional, coa participación de expertos nacionais en materia de innovación e tendencias, destinos, patrocinadores e eventos.
2º.- DEPORTE. A Deputación de Ourense está estudando con Microsoft unha alianza estratéxica a través do seu Global Sports Innovation Center para facer de Ourense e do deporte náutico unha referencia internacional, a nivel competitivo e de preparación técnica, e tamén a nivel de empresas e formación. Nese sentido, salientou o acordo coa Federación Nacional de Remo para diferentes probas nos próximos tres anos. O 26 de novembro a Federación celebrará en Ourense o seu centenario. En 2021, e froito da elección unánime pola Asemblea Xeral celebrada en Cork (Irlanda), Ourense acollerá unha competición internacional en Castrelo de Miño: a Coupe de la Jeunesse.
3º.- TURISMO. En Fitur, en xaneiro de 2019, a Deputación de Ourense presentará o proxecto: “A provincia de Ourense, destino turístico intelixente”.
4º.- INNOVACIÓN. A Deputación participará como entidade territorial no proxecto Time Machine FET Flagship, consistente na creación dun gran Big Data dixitalizando dous mil anos de historia europea co obxectivo de levantar de maneira virtual -aplicando tecnoloxías e algoritmos innovadores-, parte desa historia: recreación de cidades, modos de vida, economía e emprego, cunha dotación potencial de mil millóns de euros e unha duración de dez anos.
5º.- SECTOR FORESTAL. Negociación e estudio entre administracións públicas e entidades privadas para situar nun concello da provincia o Centro Tecnolóxico Forestal para a explotación racional do monte e a súa dinamización, na liña do Observatorio do Medio Rural que prevé poñer en marcha a Deputación coa colaboración da Universidade de Vigo e dos profesionais do sector, tal e como comentou Manuel Baltar na súa visita á sede do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Ourense.
6º.- SECTOR VITIVINÍCOLA. Elaboración dun plan estratéxico da Denominación de Orixe Ribeiro –a 2ª máis antiga de España-, que marque unha folla de ruta da denominación e que revele o estado actual e tendencias, para incrementar o seu atractivo cara á crear emprego e novas empresas, co obxectivo de seguir formando parte das preferencias dos consumidores, axudando tamén na nosa estratexia turística.
7º.- SECTOR AGROALIMENTARIO. A Deputación de Ourense contará no Museo do Viño de Ribadavia, e como consecuencia do acordo acadado coa Xunta de Galicia, cun espazo que servirá para promocionar o sector agroalimentario provincial, con especial protagonismo dos produtos que contan cun selo de calidade, sexa denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida.
8º.- MUSEO DA RODA DE AFIAR. Acordo con Correos para alugar as dependencias do seu edificio principal na cidade e na provincia. Será a ubicación do Insituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (inorde), destinando a súa sede actual para as instalacións do Museo da Roda de Afiar, actuación prevista no Plan Ourense 15-19, e que será realidade en colaboración con Florencio de Arboiro.
9º.- VALDEORRAS. Aposta da Deputación de Ourense pola desconcentración e a descentralización coa apertura na comarca de Valdeorras dunha delegación da Deputación de Ourense.
10º.- CULTURA. Apertura, no vindeiro mes de decembro, no centro cultural “Marcos Valcárcel” da exposición “Arte privado en Ourense”, con importantes obras de arte pictóricas e escultóricas de propiedade privada de ourensáns.

Política “en positivo”

Xunto a estas medidas, Manuel Baltar fixo no seu discurso unha diagnose da situación económica, tecnolóxica, laboral e social, destacando a importancia da cooperación entre as administracións locais intermedias e o papel que xoga a Unión Europea neste sentido. E lanzou ao plenario a pregunta: “está Ourense mellor que hai un ano?” e remarcou: “Dado que estamos na recta final do mandato 2015-2019, está Ourense mellor que en 2015?”. A xuízo do grupo de goberno as respostas a ambas preguntas son positivas. E tamén a xuízo dos datos”.

“Trátase de crer en Ourense, de estar en política en positivo, e de entender a política como ferramenta de progreso e non de enfrontamento. Nunca falar mal de Ourense. Sempre traballando a favor”, afirmou, subliñando que estamos no pleno “dunha institución que fai de planificación unha ferramenta imprescindible: só nesta Deputación se pode falar de orzamentos aprobados para o ano 2019; os orzamentos da débeda cero en maio de 2019; os orzamentos máis altos que agardan tamén o remanente de tesourería máis alto. Unhas cifras que suben ano a ano no peor contexto económico, e que fan da cooperación cos concellos e coa veciñanza o seu sinal característico. Un documento para un proxecto político vencellado á nosa terra, que aposta polo territorio e que fai diariamente un exercicio de autoafirmación da nosa rica identidade, un exercicio permanente de Ourensanía”, dixo Manuel Baltar.

Crecemento

No referido ao ámbito económico e laboral da provincia de Ourense, o presidente da Deputación confirmou, segundo datos do Observatorio Económico Ourensán, o estudo “O polígono en cifras” e a Enquisa de Poboación Activa, que a economía ourensá “mantense na senda do crecemento no que vai de ano, tanto en termos de ocupación como de actividade”, e tamén que en canto a afiliacións á Seguridade Social “a provincia de Ourense amosa unha significativa evolución positiva”.

Asemade, explicou que, segundo datos do DIRCE (Directorio Central de Empresas do Instituto Nacional de Estatística), rexistrase na provincia de Ourense un incremento do 0,5% de empresas respecto das existentes no inicio do ano 2017, e do 1,4% respecto ás 25.400 existentes ao principio do ano 2015. “Un incremento que é especialmente significativo no caso dalgún dos sectores industriais clave da nosa provincia, como o que conforman as industrias alimenticias e de fabricación de bebidas, que experimentan crecementos do 7,6 e do 6,3% respectivamente”, apuntou o presidente.

Baltar tivo palabras de agradecemento para o grupo de goberno da Deputación, “determinante para unha xestión económica rigorosa e que cumpre obxectivos”. “O seu esforzo a prol de Ourense -dixo- fará que en poucas semanas a Deputación non deba un solo euro. Grazas ao seu compromiso esta institución lidera a todos os gobernos provinciais de España en transparencia; e tamén, a comunicación coa veciñanza, co uso das redes sociais”.

O presidente da Deputación puxo o acento no protagonismo que a provincia de Ourense terá coa chegada da alta velocidade, “unha provincia termal que ten importantes retos por diante en sectores clave nos que cre, sen dúbidas, este executivo. Porque se trata de crer e crear en Ourense”, expresou, subliñando que filosofía deste goberno, “é falar de realidades que acreditan a fortaleza e oportunidades do noso territorio”.
“Así –remarcou Baltar-, se falamos de despoboamento, é necesario chamar a atención na diminución porcentual ano a ano, da serie dos últimos cinco; se falamos de turismo hai que ter en conta o dato último do mellor verán turístico da historia en Ourense, e se falamos da competitividade das nosas empresas, cabe destacar os encargos internacionais de corporacións punteiras no ámbito das obras públicas ou da automoción”.
Tamén lembrou a candidatura de Ourense como territorio creativo da Unesco, e no ámbito do turismo deportivo, “a forza que lle dará á nosa estación de esquí o equipamento de vangarda internacional que suporán os trinta canóns de innivación, que estarán operativos no mes de decembro, garantindo 120 xornadas de neve en Cabeza de Manzaneda”.
Propostas de resolución aprobadas
O pleno aprobou 22 propostas de resolución sobre turismo, cultura, sectores produtivos, infraestruturas, socio-laboral, forestal, medio ambiente, rural, economía, emprendemento, emigración, termalismo e transparencia. Son as seguintes:
1.- SOCIO-LABORAL. Elaboración dun censo provincial sobre o número de persoas en risco de exclusión social e vítimas de violencia de xénero con vistas á elaboración dun plan de inserción laboral. En colaboración cos servizos sociais dos concellos, a elaboración dun censo de persoas en risco de exclusión social e vítimas de violencia de xénero permitiría o deseño de plans de inserción laboral axeitados a cada realidade, completando ao tempo outra iniciativa sobre o censo de persoas con necesidades de atención, como o probado por esta Deputación para os maiores que viven sos.
2.- SECTORES PRODUCTIVOS. Incorporación de informes sobre os sectores estratéxicos da provincia ao Observatorio Económico Ourensán. Aproveitar a plataforma que brinda o Observatorio Económico Ourensán para incorporar informes sobre sectores económicos estratéxicos na provincia, como por exemplo o viño, a castaña, a pataca e, sobre todo, de produtos con denominacións de orixe, selo de calidade ou indicación xeográfica protexida. Son informes que non existen nunha adecuada dimensión nin tratamento e que tamén supoñen unha forma de dar a coñecer o potencial da provincia.
3.- ENERXÍA E SOSTIBILIDADE. Fomentar desde a Deputación de Ourense a sostibilidade e o aforro enerxético, promovendo o uso de enerxías alternativas, o uso de tecnoloxías de baixo consumo, como por exemplo a tecnoloxía Led, e implantando nesta institución, na medida do posible, o uso de vehículos híbridos e eléctricos, sacando tamén unha liña de axuda para que os concellos da provincia poidan sumarse a esta iniciativa.
4.- MEDIO AMBIENTE. Mimetización e embelecemento das zonas de contedores de lixo. Crear unha liña de apoio da Deputación para a instalación de sistemas de contención de contedores de residuos sólidos urbanos, tendo cabida a instalación de recintos, cerramentos e illotes para contedores de residuos ou calquera outro mobiliario ou accesorio urbano relacionado coa correcta xestión dos residuos, ofrecendo unha solución estética, integradora e mimetizada coa paisaxe.
5.- FORESTAL. Prevención de incendios forestais. Convenio coa Consellería de Medio Rural para poñer a disposición a maquinaria da Deputación de Ourense para complementar a limpeza de franxas de seguridade nos concellos.
6.- CULTURA. Poñer en valor a obra e pegada da Xeración “Nós”, cumpríndose en 2020 os cen anos do primeiro número da revista “Nós”. A contribución ao pensamento galeguista e as súas achegas á nosa identidade merecen a posta en marcha de diferentes actividades, entre elas unha grande exposición en cooperación coa Xunta de Galicia.
7.- EMPRENDEMENTO. Promover e/ou apoiar a creación dun ecosistema de emprendemento a nivel provincial, tendo en conta o éxito dos programas de coworking postos en marcha en colaboración co Ministerio de Industria e o éxito emprendedor de moitos ourensáns ao longo da historia.
8.- EMIGRACIÓN. Creación da “Oficina do Emigrante Retornado e do Inmigrante”, prestando información, axuda e titoría para incorporarse a Ourense, residencia, oportunidades laborais e educativas, axudando a fixar poboación e facilitándolles a chegada á nosa provincia.
9.- TERMALISMO. Apoiar técnica, xurídica e mesmo economicamente a posta en marcha de establecementos termais dende a súa xénese, determinando a existencia de augas termais e caudal suficiente, mesmo nalgún concello da provincia que na actualidade non ten a consideración de vila termal, como si contan con esa acreditación 12 dos 92 que conforman o noso territorio.
10.- TURISMO. Elaboración dun plan de acción respecto ao protagonismo da provincia de Ourense no Xacobeo 2021.
11.- ECONOMÍA, EMPREGO E SECTORES PRODUTIVOS. Deseñar, coordinadamente con outras administracións e co sector privado, a implantación na provincia dun parque empresarial exclusivamente vinculado ao sector agroalimentario.
12.- SECTOR VITIVINÍCOLA. Implementar, a través dos consellos reguladores das catro denominacións de orixe da provincia, un portal de comercialización do sector con plan de marketing e comunicación online así como poñer en marcha, en colaboración cos propios consellos, unha feira/exposición anual do viño da nosa provincia.
13.- CALIDADE DOS SERVIZOS PÚBLICOS LOCAIS. Avaliar mediante as enquisas correspondentes os servizos públicos prestados polos entes locais da provincia de Ourense, afondando na transparencia da xestión e na mellora permanente.
14.- CULTURA, DEPORTES E TURISMO. Elaborar unha estratexia turística provincial enfocada aos peregrinos, con vistas ao Xacobeo 2021, coa posta en valor dos camiños de Santiago que transcorren pola nosa provincia, así como a Vía Nova ou Vía XVIII do itinerario Antonino que atravesa en diagonal a provincia de Ourense, de suroeste a nordés, desde a fronteira con Portugal en Portela do Home (Lobios) ata a serra da Enciña da Lastra (Rubiá).
15.- TERMALISMO. Crear a Rede Provincial de Concellos Termais, que abranga a todos os concellos con augas termais, con independencia do tipo de aproveitamento que se dea a estas e que afonde no desenvolvemento do potencial termal da provincia máis aló da súa asociación con área de benestar social. Co obxectivo de garantir a participación efectiva na toma de decisións dos concellos con potencialidades termais e promover o equilibrio territorial, a deputación reforzará a asistencia e cooperación coas entidades locais a través do traballo en rede na área do termalismo. Este rede, entre os seus primeiros cometidos, establecerá, tendo en conta as recomendacións dos colexios profesionais de saúde, un sistema integral de información terapéutica das principais augas mineiro-medicinais da provincia.
16.- MEDIO RURAL. Axudar e asesorar ás comunidades propietarias de montes veciñais en man común para a legalización da súa xestión no correspondente a estatutos, elección de xuntas reitoras e consulta das axudas públicas e posta en marcha de proxectos que xeren riqueza e emprego no rural.
17.- TRANSPARENCIA. Crear, na páxina web da Deputación de Ourense, un espazo denominado Información Económica, no que figure o estado de execución do orzamento (ingresos e gastos) e, en especial, que se publiquen os gastos realizados de xeito que figure: provedor, descrición do gasto e importe da factura aboada.
18.- DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO E SECTORES PRODUTIVOS. Facer un estudo da implantación da “Marca Ourense” de calidade na produción agroalimentaria, tendo en conta as denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas coas que contamos no territorio provincial.
19.- DINAMIZACIÓN ECONÓMICA E EMPRESARIAL. Estudar, con outras administracións públicas, a posibilidade de promover a constitución da Zona Franca de Ourense, tendo en conta ao solo industrial-comercial que se concentra na área onde se atopan o Polígono de San Cibrao das Viñas, a Tecnópole, o Polígono de Barreiros, a Cidade do Transporte e os parques empresariais do Pereiro de Aguiar, Paderne de Allariz e Taboadela, gañando en capacidade autónoma e decisoria empresarial así como en competitividade.
20.- SECTOR AGROALIMENTARIO. Campaña “da horta ao mercado”. Esta campaña é unha actividade que se enmarca dentro da liña de promoción dos mercados saudables e de proximidade. Obxectivos xerais da campaña: apreciar a riqueza alimentaria dos produtos de proximidade; mellorar os hábitos alimentarios e de consumo; dar a coñecer o ciclo da vida dos produtos agroalimentarios desde a súa produción ata chegar ao consumidor; e valorar os mercados como centros de comercialización natural dos produtos de proximidade e como un instrumento de socialización.
21.- INFRAESTRUTURAS VIARIAS. Negociación para o traspaso das vías provinciais que transcorren pola cidade de Ourense ao concello. A Deputación iniciará un proceso de negociación cos concellos que teñan vías provinciais, e singularmente co concello de Ourense, pola dimensión da rede provincial no seu termo, aos efectos de traspaso da rede viaria para evitar así problemas xurídicos, presentes e futuros, coa utilización do espazo público.
22.- TRANSPARENCIA. Inclusión de cláusulas sociais nos contratos administrativos que subscriba a Deputación.
1. A Deputación introducirá, para os futuros contratos administrativos que subscriba, cláusulas sociais en relación co obxecto do contrato, cos criterios de solvencia técnica e profesional, coas especificacións técnicas e cos criterios de adxudicación que deberán ter a súa expresión no proceso.
2. A Deputación terá en conta a Lei de Contratos Públicos e, a efectos de contratar, a non concorrencia de prohibicións nas diferentes empresas licitadoras mediante declaracións responsables e outros medios de acreditación que se estipulen nos pregos de cláusulas administrativas.
3. En caso de incumprimento por parte do contratista das cláusulas sociais que se introduzan nos pregos de contratación, ou coñecida a existencia dunha sentencia firme condenatoria pola comisión de calquera feito anterior á sinatura do contrato que atente contra algún dos dereitos fundamentais recoñecidos na Constitución, o Estatuto dos Traballadores/as, ou algún dos delitos tipificados no código penal, o órgano de contratación resolverá o contrato e inhabilitará temporalmente ao contratista para volver contratar coa Deputación, podendo adxudicar o que reste do contrato á empresa que na licitación quedara en segundo lugar, e, no caso de renuncia de esta, a quen a seguiron na orde de clasificación.

Deja un comentario