Martes 20 de Novembro de 2018

O Enclave de Cámara inicia unha intensa semana cultural con música e teatro como principais protagonistas


 

Todas as entradas están á venda online en www.ataquilla.com e, fisicamente, no despacho de billetes dúas horas antes do concerto

 

O VI ciclo de Música de Cámara de Ourense ‘Enclave de Cámara’ inicia, mañá mércores no Teatro Principal Ourense, unha intensa semana de programación cultural na cidade, coa espectacular posta en escena do espectáculo The Queen Symphony, a cargo da Banda de Merza e do coro Gli Appassionati (Vigo), e con propostas de teatro para todas as idades no Auditorio Municipal como principais protagonistas.

Mércores 7, ás 20:00 horas. Daniel Röhn e Milana Chernyavska

VI Enclave de Cámara. Teatro Principal. Todos os públicos. Entradas: entre 5 € e 8 €.

O dúo formado polo violinista alemán Daniel Röhn e a pianista ucraína Milana Chernyavska. O concerto vén cun poderoso programa, cargado de paixón, musicalidade e virtuosismo e no que interpretarán obras de célebres compositores como Leclair, Debussy ou Mendelssohn, pero tamén de compositores menos coñecidos coma o noruegués Christian Sinding, que deixou un legado de obras excepcionais para seren interpretadas en concertos de cámara. Malia a súa xuventude, Daniel Röhn é un dos máis destacados talentos de hoxe en día. Terceira xeración dunha familia de portentosos músicos, destaca pola súa impresionante técnica e por recorrer ás tradicións musicais do pasado. Milana Chernyavska é outro dos grandes talentos ao piano hoxe en día. Conta cunha impresionante carreira coma solista que a levou a tocar nas salas máis importantes do mundo.

Como dúo, Röhn e Chernyavska tocaron en salas como a Berlin Philharmonie, a Sala da Filharmónica de Múnic, a Festspielhaus Baden-Baden, o Centro Cultural de Lucerna, o Concertgebouw Amsterdam, Cité de la Musique en Paris, etc. Tamén o fixeron nos principais festivais europeos como son o Festival de Rheingau, o Festival Mecklenburg-Vorpormmern, o Festival de Lucerna ou o Festival de Verbier.

Máis información con todas as novidades do ciclo, no espazo web do ciclo, www.enclavedecamara.com, e tamén en facebook, twitter e instagram.

Xoves 8, ás 20:30 horas. Fillos do sol, de Contraproducións (Cándido Pazó).

Teatro para adultos. Auditorio de Ourense. 75 minutos. Entradas: anticipada 5€ e no despacho de billetes 6€.

Elucubración teatral sobre a figura de Eduardo Pondal e a súa obsesión coa obra que ocupou toda a súa vida como escritor: Os Eoas. A cabalo entre a realidade ficcionada e a fabulación dramática, Don Eduardo, xa octoxenario e comesto pola neurose dos seus últimos anos, confronta as súas dúbidas, medos e insatisfaccións creativas, tendo por interlocutores un personaxe nacido da súa perturbación: Eduardo, el mesmo cando comezaba, de mozo, a súa carreira literaria. Como contrapunto, a vida real e diaria representada por Rosa, a criada da pensión na que o bardo está albergado.

Venres 9, pases ás 18:00 e 19:00 horas. Onde está o vento?

Animar-T. Teatro para bebés. Sala Apego. 38 minutos. Entradas: anticipada 3 € e no despacho de billetes a 4€. Bebés gratis.

A Tareixa o que máis lle gusta no mundo e ver xirar os seus muíños de vento pero un día o vento desaparece. Para resolver o misterio e conseguir que os seus muíños volvan xirar decide emprender unha longa viaxe, en compañía do seu curmá Breixo, onde coñecerá e axudará a moitos personaxes vivindo miles de aventuras. Finalmente descobren que a contaminación é a culpable da desaparición do noso querido vento pero aínda estamos a tempo de solucionalo. Conta contos para bebés que mestura cancións en directo, monicreques, pompas de xabón e un montón de sorpresas máis.

Sábado 10, ás 20:30 horas. The Queen Symphony

Banda Artística de Merza, Coro Gli Appassionati (Vigo). Auditorio de Ourense. Todos os públicos. Gratis até completar aforo.

O londiniense Tolga Kashif está considerado un dos músicos máis talentosos da súa xeración. Estudou dirección e composición no Royal College of Music, logo na Universidade de Bristol con Derek Bourgeois. O seu debut profesional chegou coa Filharmónica de Londres, máis tarde foi convidado a dirixir a Filharmónica Real, a Sinfónica da Cidade de Londres, a Filharmónica Real de Liverpool e a Sinfónica do Norte. En 1992, foi nomeado codirector asociado da Orquestra Sinfónica Nacional.

Máis de 160 persoas daranse cita sobre o escenario, nunha colaboración única entre a coral (70 persoas) e a banda sinfónica (80 instrumentistas), que con este concerto quixo conmemorar os 190 anos de vida da orquestra nunha localidade que non chega aos 400 habitantes e que lle supoñen ser a agrupación popular máis antiga de Galicia .

Domingo 11, ás 12:00 horas. OUTONO, de Pistacatro

Auditorio Municipal. Público familiar. Entradas: anticipada 5€ e na billeteira 6€

Unha homenaxe aos pallasos clásicos, contada a través dunha compañía de clowns en plena crise. Un espello no que se miran os artistas e as súas personaxes, unha carpa caída onde se suceden as estacións.

Outono é un espectáculo de teatro-circo con música en directo, que nos conta a viaxe nostálxica de catro artistas ao seu pasado, unha celebración da amizade e dos fracasos, unha reivindicación de ser idiotas, unha mirada poética ao antigo oficio dos pallasos. Un reencontro cheo de emocións, verdade e humor.

Deja un comentario