Martes 20 de Novembro de 2018

Viño e cultura, na V edición de “Cata a Arte”


 

A exitosa iniciativa de maridar viños do Ribeiro con exposicións no centro cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, e engadirlle ademais unha segunda actividade cultural en directo como música, teatro ou maxia, chega á súa quinta edición coa presentación hoxe de “Cata a Arte”, unha iniciativa nacida dunha maneira experimental e que se consolidou de xeito definitivo, con máis de 600 asistentes na pasada edición.

Catro adegas do Ribeiro presentarán os seus viños os xoves 8, 15, 22 e 29 de novembro, ás 20:00 horas, nun ambiente no que ás exposicións de pintura ou fotografía programadas no centro cultural engadiranse aos espectáculos do mago Deimi, a música de Diego Nóvoa que presenta o seu novo disco, o teatro de Compañía #2 ou a música de L´Apetite Mort. Os catro espectáculos amenizarán as presentacións das adegas Loeda, Nairoa, Celme e Alanís, respectivamente. As catas teñen un carácter solidario, que nesta edición terá como destinataria á Asociación de Fibromialxia, Fatiga Crónica e Sensibilidade química de Ourense.

O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, quen destacou o “carácter solidario” desta iniciativa, salientou a importancia do viño na economía da provincia como un dos sectores estratéxicos de Ourense. O director do cento cultural, pola súa banda, agradeceu ao Consello Regulador do Ribeiro a súa implicación nesta novidosa iniciativa dende o primeiro día ate convertela nun éxito seguro que goza do aprecio e valoración dos numerosos asistentes a cada cata nas edicións xa celebradas.

Pola súa parte, o presidente da D.O. Ribeiro, Juan Casares, loubou a calidade dos viños producidos nas denominacións “que se atopan entre os mellores do mundo” e o feito positivo de xunguir a excepcional calidade deste produto coa cultura.

Programación

8 de novembro: Adega Loeda. Catro Parroquias + Mago Deimi.

15 de novembro: Adega Nairoa. Alberte + Diego Nóvoa (música).

22 de novembro: Adegas Celme + Compañía #2 Teatro Permanente.

29 de novembro: Bodega Alanís + L´Apetite Mort (música).

Deja un comentario