Martes 20 de Novembro de 2018

Baltar defende no Parlamento un crecemento equitativo entre rural e urbano, cuns orzamentos caracterizados pola cooperación con concellos e veciñanza


 

O presidente da Deputación de Ourense informou das contas da institución provincial para o vindeiro exercicio -as primeiras aprobadas por unha administración pública para 2019-: “82,7 millóns cunha visión integral do territorio e un marcado acento social, priorizando emprego, mocidade, obras e servizos para os 92 concellos da provincia”, afirmou Manuel Baltar.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, compareceu  na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para dar conta dos orzamentos da Deputación de Ourense para o ano 2019, sendo un ano máis a primeira administración pública do Estado en aprobalos (en setembro pasado). Baltar defendeu un crecemento equitativo entre rural e urbano, cuns orzamentos caracterizados pola cooperación con concellos e veciñanza.O presidente da Deputación de Ourense destacou dos 82,7 millóns aos que ascende o orzamento “a súa visión integral do territorio e un marcado acento social, priorizando emprego, mocidade, obras e servizos para os 92 concellos da provincia”. “En 2019 a Deputación de Ourense acadará a “débeda cero”, e un ano máis financiaremos integramente o Plan de Obras para os concellos”, dixo, citando a relevancia que supoñen “as políticas que desenvolvemos en materia contra incendios, emerxencias, medio ambiente, turismo e termalismo, ademais das axudas á natalidade e na loita contra o despoboamento””Estes orzamentos –afirmou Baltar- son un exemplo do enfoque diferenciado que pedimos para as provincias, dentro dunha visión global, porque é necesario para o progreso dos pobos ter en conta as diferenzas entre nacións, rexións, provincias e mesmo concellos, xa que, coñecéndoas poderemos planificar unidos e traballar a prol dos obxectivos comúns que unen aos territorios”.En clave de fondos europeos, o presidente do goberno provincial pide “un maior protagonismo económico para as provincias”, sen rebaixas na Política Agraria Común, nas axudas directas a agricultores, nin nas achegas do FEADER comunitario, sinalando o marco de financiamento 2021-2027 da UE como “clave para reivindicar a xestión directa dos fondos europeos, o que favorecería a xestión e desenvolvemento de proxectos, sinaladamente, contra o despoboamento rural e en favor do fomento do emprego”.”Solidariedade territorial, cooperación e mellora de servizos” son tres elementos fundamentais, en opinión de Manuel Baltar, que caracterizan aos orzamentos dunha institución como a Deputación de Ourense, “que terá operativas a súas contas para o vindeiro exercicio desde o vindeiro 1 de xaneiro, o que nos da unha importante vantaxe competitiva para poñer en marcha plans e proxectos a prol dos concellos e a cidadanía da nosa provincia”, expresou Baltar.Manuel Baltar avanzou, como xa fixera co Plan “Ourense 2015-2019”, que o plan que porá en marcha a partires do novo mandato de 2019 “disporá medidas concretas, indicando ano, mes e día de implantación das accións do Plan “Ourense 7273″ (en referencia aos 7.273 quilómetros cadrados do territorio ourensán). Trátase de contar cun proxecto de provincia; ou se ten ou non se ten. E, ao final, deciden os donos das institucións: as veciñas e veciños”.No detalle dos orzamentos para 2019, Baltar -quen volveu reclamar a participación das deputacións nos tributos da comunidade autónoma- afirmou que a Deputación de Ourense segue a potenciar a aposta polo emprego, destinando 1,8 millóns para o Plan de empregabilidade dos concellos (20.000 euros para todos eles), e tamén subliña o Plan de Obras (6,2 millóns), con investimento para cada concello, e no que tamén se contempla a conservación e mellora da rede viaria provincial –con máis de 1.850 quilómetros de estradas-.A estes plans hai que unir que os concellos disporán dos plans de desbroces, empregabilidade, e o de axudas para actividades relacionadas coa mocidade (neste caso 549.000 euros en total), e que a Deputación volve a financiar integramente o Plan de Obras, que inclúe tamén ao concello de Ourense e á entidade local menor de Berán.En materia de medio ambiente, Baltar detallou que se dota ao Consorcio Provincial de Incendios -posto en marcha durante este mandato— dun orzamento de 1.419.750 euros, e a Deputación aporta a parte de financiamento que lle corresponde e tamén a dos concellos nos Grupos de Emerxencia Supramunicipais, destacando que no pleno de outubro pasado o pleno da Deputación de Ourense aprobou unha iniciativa para dotar de máis grupos a outras partes da provincia e homoxeneizar o número de integrantes dos mesmos. Asemade, o compromiso medioambiental do goberno provincial reflíctese na contía orzamentaria destinada a esta área estratéxica, cun importe total de 14.345.000 euros (o 17,7 % do orzamento), e citando tamén como exemplo a rede provincial de centros de acollida de animais abandonados, nos concellos do Carballiño, Xinzo, Muíños e A Rúa –na que figuran adheridos 75 dos 92 concellos-, e que conta para o ano 2019 con 630.900 euros.Manuel Baltar dixo que os servizos sociais “seguen a ser unha aposta clara co Plan BenOurense, incrementando a aportación económica ata 1.200.000 euros” e sinalou ao Inorde como “ferramenta áxil no desenvolvemento local, turístico e económico”, detallando que o seu orzamento para 2019 ascenderá a 2.042.000 euros. Asemade, citou medidas “que seguen formando parte da nosa estratexia política”, como o Plan de axudas á natalidade (400.000 euros); o Plan Estratéxico de Termalismo (510.000 euros); o Plan para gastos correntes de concellos con insuficiencia financeira ou orzamentaria; a liña de axudas en materia deportiva (400.000 euros), e o Plan Tarazana de actividades recreativas e culturais, con 200.000 euros.”Os orzamentos para 2019 reflicten de novo o noso compromiso co coñecemento a través dos convenios coa universidade, tanto co Campus de Ourense, coa súa especialización como “Campus da auga”, da Universidade de Vigo, ao que destinamos unha cantidade mínima de 220.000 euros, como coa UNED, cuxo padroado presido e para a que achegaremos un mínimo de 430.995 euros”, dixo Baltar, avanzando neste sentido que a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo estudan poñer en marcha o “Observatorio do Rural”, “un dos proxectos innovadores que formarán parte do “Plan Ourense 7273”, expresou.No ámbito da investigación, o presidente provincia informou de que se manteñen os convenios con grupos de investigación das universidades vencellados ao estudo da realidade provincial, como O grupo “Colmeiro” Ou “GEN +”.Na liña de cooperación e posta en valor do territorio provincial, Manuel Baltar anunciou que tamén se mantén para 2019 a liña de axuda aos concellos reguladores das denominacións de orixe vitivinícolas do territorio provincial, e que se consolidan as alianzas coas entidades empresariais máis representativas de ámbito provincial e autonómico, como a Confederación Empresarial de Ourense ou o Círculo de Empresarios de Galicia. Neste sentido destacou o Plan “Exportou” coa CEO, “unha aposta directa á internacionalización das nosas empresas, co protagonismo de seu das misión empresariais”, e tamén citou o estudo “O Polígono en cifras”, “unha ferramenta posta en marcha coa Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas e a Universidade de Vigo, que marca tendencia e fixa datos sobre a área industrial máis grande de Galicia”.Baltar destacou á cultura “como factor diferencial de Ourense” e enumerou os importantes premios de ámbito autonómico e nacional que convoca a Deputación, así como ás iniciativas, colectivos e entidades cos que seguirá colaborando en 2019, citando especialmente o Premio “Ourensanía”, “que este ano distingue a entidades galegas na emigración como o Centro Partido do Carballiño, que cumpre 100 anos, e o Centro Ourensán de Montevideo, que cumpre 70 anos de existencia”.Manuel Baltar rematou afirmando que se trata dos orzamentos “da entidade cooperadora por excelencia: a Deputación de Ourense, unhas contas para a colaboración cos concellos, mancomunidades, entidades, asociacións e colectivos, que están a realizar importantes actividades para a nosa provincia en todos os eidos. É dicir, facendo Ourense e facendo provincia”.

Deja un comentario