Martes 20 de Novembro de 2018

O Concello de Ourense concreta en Madrid, coa Xunta e o Ministerio de Fomento, a coordinación dos traballos nos distintos elementos da primeira fase da Estación Intermodal


Tal e como se puxo de manifesto na reunión mantida esta mañá, a Consellería de Infraestruturas está executando actualmente as obras da nova terminal de autobuses, que deben sincronizarse coas de liberación de vías e do aparcadoiro

O Concello de Ourense, a Xunta de Galicia e o Ministerio concretaron esta mañá a coordinación dos traballos entre os distintos elementos que forman a primeira fase da estación intermodal que se está a executar na cidade. O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, participou nesta reunión de traballo coa presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera; a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez; e técnicos das tres administracións implicadas nos avances desta infraestrutura.

Tal e como se puxo de manifesto, a Xunta de Galicia está a executar a estación de autobuses integrada na terminal de ferrocarril, mediante uns traballos que necesitan sincronizarse coas obras de liberación de vías que executa Adif, así como co aparcadoiro subterráneo, cuxa licitación vén de ser aprobada polo administrador ferroviario.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, valora positivamente este paso adiante e e solicitou na reunión de traballo “que se axilice a contratación e execución do aparcadoiro na medida do posible, toda vez que o convenio está asinado por todas as administracións implicadas, para facilitar así o desenvolvemento das obras da estación de autobuses e avanzar así no gran proxecto de Ourense no presente século”.

A primeira fase da estación intermodal da Ourense está formada pola estación de autobuses e o aparcadoiro subterráneo, mentres que a liberación de vías está a ser desenvolvida como parte dos traballos preparatorios para a chegada dos trens AVE á terminal.

Anteproxecto e alegacións
Na xuntanza de hoxe as tres administracións abordaron tamén o anteproxecto sobre a reforma da estación de ferrocarril que Adif mantén actualmente en proceso de información pública. A ese respecto, tanto o Concello de Ourense como o Goberno galego solicitaron a Adif un compromiso de execución do proxecto integral que foi acordado e que non está reflectido na súa totalidade no deseño que se atopa en fase de información pública. De aí, precisamente, as alegacións presentadas por parte do Concello de Ourense, tal e como explicou o alcalde da cidade no transcurso da reunión.

Así, o Concello solicítalle por unha banda ao Ministerio que realice un estudo de alternativas para o chamado ‘caixón ferroviario’, que cubrirá as vías polas que circularán os trens. Por outra, esíxelle que o estudo inclúa a urbanización do espazo público axardinado sobre a praia de vías, e un vial rodado de conexión entre os barrios, como se recollía no protocolo asinado para a execución das obras, mais o compromiso por parte de ADIF de asumir o financiamento, por importe de máis de 27 millóns de euros.

De feito, o Concello reclama que se inclúan todas as fases programadas e fixadas no Convenio Marco asinado o 22 de xuño de 2016 entre o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia, o Concello de Ourense e a entidade pública empresarial ADIF Alta Velocidad.

A día de hoxe, faltan dúas fases que debe asumir o Ministerio de Fomento, primordiais para a cidade por un importe de 27,6 ,millóns de euros. Inclúen o axardinamento da plataforma de cubrición das vías, así como os seus muros e o vial novo de circulación, claves para a permeabilidade dos barrios de a Ponte e O Vinteún.

Impulso ao Ecobarrio
Na xuntanza de hoxe participou tamén a xerente do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), Zeltia Lado, quen explicou que a estación intermodal de Ourense está integrada dentro do proxecto do Ecobarrio que a Xunta de Galicia desenvolve na cidade de Ourense.
O proxecto do EcoBarrio contempla a posta a punto de fachadas en envolventes térmicas en edificios particulares e públicos, tales como centros de ensino ou a futura estación intermodal que verá chegar o AVE, unha nova infraestrutura que, ademais, poderá engancharse á rede de distribución de calor de orixe xeotérmico; a substitución do alumeado actual por tecnoloxía LED tanto nos edificios como nas rúas do barrio da Ponte con actuacións específicas de alumeado arquitectónico na zona da Chavasqueira; o fomento da mobilidade sustentable centralizada no parque móbil do Concello; e a posta en marcha da Oficina do EcoBarrio para facilitar información e asesoramento aos veciños sobre as axudas ás que poden acceder en materia de eficiencia enerxética.
Co EcoBarrio da Ponte quérese demostrar que existe outra forma de facer urbanismo e outra forma de facer cidade: máis respectuosa co medio ambiente e con maior calidade de vida para os veciños e veciñas.

Avance das obras da estacion de autobuses
Cabe lembrar que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia esta a investir máis de 9 millons de euros na estación intermodal de Ourense, na que participa coa construción da terminal de autobuses e co financiamento de máis do 60% do aparcadoiro subterráneo.

A construción da nova estación de autobuses comezou o pasado mes de setembro coas demolicións dos edificios situados na parcela. Esta nova terminal de autobuses integrada no complexo intermodal deseñado por Norman Foster, contará con 13 dársenas de operación e 3 de regulación e cun edificio de máis de 700 m² construídos para albergar os diferentes servizos.

Deja un comentario