Martes 20 de Novembro de 2018

O Concello abre o prazo para presentar propostas para a programación de actividades para a mocidade e no Espazo Lusquiños


 

As solicitudes deberán entregarse no Rexistro Xeral do Concello, entre os días 5 e 26 de novembro, ambos inclusive.
Para a realización destes proxectos, o Concello achegará un total de 81.000 euros: 26.000 euros para o que resta do 2018, e 55.000 euros até o mes de xuño de 2019

O Concello de Ourense abre hoxe luns, 5 de novembro, o prazo para a presentación de propostas para a programación de actividades dirixidas ao ámbito xuvenil e do Espazo Lusquiños. Trátase dunha iniciativa novidosa do departamento de Xuventude que conta con dous eixes de actuación: actividades lúdicas, formativas e culturais, e propostas específicas para os grupos musicais formados por xente nova.

O prazo para presentar propostas estará aberto entre o 5 e o 26 de novembro, incluídas ambas datas. Poderán participar todas as persoas físicas ou xurídicas, legalmente recoñecidas, con plena capacidade de obrar, capacitación técnica e habilitación profesional e que non estean nalgunha causa de exclusión ou prohibición de contratar coas administracións públicas.

As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Ourense, ou en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro do procedemento administrativo común das administracións públicas. Os propoñentes poderán presentar varios proxectos nunha única solicitude e deberán que indicar claramente en que bloque de propostas desexan participar.

O Concello de Ourense aprobou na pasada Xunta de Goberno Local as bases reguladoras para a selección de proxectos para incluír na programación de actividades dirixidas á mocidade e proxectos musicais do Espazo Lusquiños entre 2018 e xuño de 2019.

A iniciativa pretende fortalecer as actividades xuvenís con proxectos presentados a través de dous eixos de actuación: coa posta en marcha de actividades lúdicas, formativas e culturais; así como con outras iniciativas específicas para o Espazo Lusquiños.

Para a realización destes proxectos, o Concello achegará un total de 81.000 euros: 26.000 euros para o que resta do 2018, e 55.000 euros até o mes de xuño de 2019.

Dentro das accións dirixidas a toda a xuventude inclúense actividades de dinamización, formativas, ou de ocio en horario nocturno (entre as 21:00 e as 01:00 horas os venres e sábados).

Pódense presentar propostas para a posta en marcha de cursos de formación con titulación oficial como monitor/a e director/a de tempo libre ou cociña saudable. Tamén propoñendo actividades como baile moderno, deporte urbano, arte urbano, xogos de mesa, videoxogos, robótica, actividades de sábado no Espazo Lusquiños, club de lectura, cinefórum, ou radio podcast con contidos de interese para a xuventude.

O segundo bloque de actuación está dirixido a impulsar as actividades para os grupos musicais da cidade. Neste apartado, recóllense os cursos de formación musical, composición, dj, posta en escena ou xestión de redes sociais, entre outros. Pero ademais, farase un seguimento dos grupos musicais; crearase unha incubadora de grupos femininos, para promover a presenza de mulleres nos escenarios; e produciranse concertos na rúa.

As bases están publicadas no taboleiro do Concello de Ourense e na páxina web www.ourense.gal.

Deja un comentario