Martes 20 de Novembro de 2018

PSOE e Ourense en Común piden no pleno a dimisión do alcalde e a concelleira de persoal, polo enchufe do xefe de Recursos Humanos


Os grupos sinalan a Jesús Vázquez e Flora Moure como “responsables dun concurso feito a medida para colocar a un ex-edil do PP nun posto estratéxico co que seguir colocando a amizades e familiares”

Ourense en Común e o PsdeG-PSOE defenderán o próximo venres, na sesión plenaria do Concello, unha moción conxunta pola que exixen a dimisión do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, e da concelleira de Persoal e Recursos Humanos, Flora Moure, “como principais responsables políticos da contratación ilegal, ratificada e avalada como tal a instancias xudiciais, de Francisco Javier Rodríguez-Nóvoa como Xefe de Persoal e Recursos Humanos do Concello de Ourense dende 2016”.
Ourense en Común xa solicitara a suspensión de Rodríguez-Nóvoa logo de coñecerse o pasado 20 de setembro a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia pola que se ratificaba a ditada anteriormente polo Xulgado do Contencioso-Administrativo núm. 2 de Ourense, que determinaba a nulidade do Decreto da Concelleira de Recursos Humanos, Flora Moure, do 7 de xullo de 2016, polo que se nomeaba a Francisco Javier Rodríguez-Novoa González, como Xefe do servizo de Recursos Humanos do Concello de Ourense.
Montserrat Valencia, concelleira de Ourense en Común, alerta de que o alcalde e a súa concelleira de Persoal “simulan que non vai con eles, pero están dilatando os tempos intencionadamente, son os únicos responsables de que o seu enchufado continúe ocupando un posto estratéxico, e cómplices de que esta persoa siga manexando a política de contratacións no Concello de Ourense, a dedo para amigos e familiares. Calquera trámite que asine Rodríguez-Nóvoa estará viciado de sospeita e tanto o alcalde e Flora Moure serán tamén responsables. Mellor que marchen”.

Deja un comentario