Martes 20 de Novembro de 2018

A Xunta inviste preto de 1 millón de euros en Expourense para consolidar a actividade feiral e deportiva do recinto


 

A Consellería de Economía, Emprego e Industria colabora coa Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense para incrementar o espazo expositivo en 400 m2 e ampliar da pista de atletismo ata as 1500 persoas, o que permitirá desenvolver ao mesmo tempo actuacións deportivas e de caracter feiral
A Xunta investirá máis de 920.000 euros en Expourense co obxectivo de continuar a impulsar a actividade feiral ao tempo que se favorece a multifuncionalidade do recinto. Así, a achega da Consellería de Economía, Emprego e Industria permitirá ampliar a capacidade da pista de atletismo hidráulica ata as 1500 persoas coa instalación de novas bancadas, o que permitirá acoller competicións de maior prestixio e incrementar o espazo expositivo en 400 m2, de forma que se poidan celebrar de xeito simultáneo no tempo actuacións deportivas e de carácter feiral.

As obras, que segundo se informou hoxe no Consello da Xunta se prevén executar este ano, realizaranse mediante un convenio de colaboración con Expourense. Este acordo tamén comprende melloras na eficiencia enerxética do edificio, así como a instalación de diverso equipamento de imaxe e proxección. Deste xeito, dáse resposta a unha solicitude realizada por Expourense a través do presidente do seu comité executivo e alcalde de Oruense, Jesús Vázquez.

Expourense consolídase ano tras ano como unha plataforma que fomenta a competitividade das empresas galegas e impulsa a internacionalización en sectores estratéxicos como o termalismo, a enogastronomía ou a automoción. Así, durante o 2017, Expourense celebrou 11 feiras, dúas delas de carácter internacional, e 29 eventos, que atraeron 89.000 visitas e 940 expositores de 46 países.

A instalación da nova pista hidráulica de atletismo cuberta, que supuxo un investimento por parte da Secretaría Xeral para o Deporte de máis de 3,5 millóns de euros e que se sitúa entre as mellores de toda España, fai posible que a cidade poida acoller competicións deportivas nacionais e internacionais e garante unha maior ocupación do recinto nos meses de inverno. Desde a súa posta en marcha en decembro de 2017, a pista deportiva acolleu 16 eventos, nos que participaron máis de 10.000 persoas, entre xuíces, deportistas e visitantes.

Con esta actuación, coa que se sumarán 4,4 millóns de euros na optimización de Expourense en dous anos, dáse resposta ás prioridades formuladas polo Padroado da Fundación, que preside a Xunta de Galicia, po que permite incrementar a competitividade dun recinto clave para o impulso económico, deportivo e social da cidade e da provincia de Ourense.

Deja un comentario