Xoves 22 de Agosto de 2019

O Outono 2018 sabe a castañas e a cogomelos cunha nova edición do Sabores de Ourense, do 5 ao 18 de novembro


 

Trátase dunha “acción estratéxica para a posta en valor da gastronomía local e, ao mesmo tempo, un dos piares fundamentais da nosa oferta turística”, dixo o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez

 

No marco cun dos fitos do ciclo festivo da cidade, os Magostos -festa declarada de interese turístico de Galicia-, Ourense celebra unha nova edición do concurso Sabores de Ourense, do 5 ao 18 de novembro, que este ano alcanza a súa décimo primeira edición. Organizado polo Concello de Ourense e a Unión de Hosteleros Ourensanos (UHO), participarán 51 locais con propostas elaboradas a base de castañas e cogomelos e cun prezo máximo, como en anteriores edicións, de 2,50 euros.

O Sabores de Ourense “é un evento moi esperado por todos os ourensáns, e ao mesmo tempo unha acción estratéxica para a posta en valor da gastronomía local”, asegurou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, “un dos piares fundamentais da nosa oferta turística”, dixo. O concurso é, ademais, o representante ourensán no De Tapas x Galicia, promovido por Turismo de Galicia, e no que participan cociñeiros das sete principais cidades. O establecemento gañador so Sabores de Ourense será o representante da cidade na final autonómica que, na pasada edición, tivo gañador ourensán.

Así o lembrou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen salientou a puxanza dos destinos de interior, con iniciativas coma o Sabores de Ourense. “No que vai de ano xa se superan os 94.000 visitantes na cidade”, dixo, e boa culpa disto e a “riqueza gastronómica da nosa terra, con até catro denominacións de orixe”. Unha delas, a do Ribeiro, participa activamente nesta edición do Sabores de Ourense.

O presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe, Juan Manuel Casares, tamén quixo arroupar o acto de presentación. Xunto a el, o concelleiro de Turismo e Termalismo, Jorge Pumar, e a delegada da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz.

Actividades paralelas

A grande novidade desta edición do Sabores de Ourense é a cantidade de accións paralelas ao redor dos pinchos. Javier Outomuro, xerente da UHO, adiantou que haberá saídas ao monte en busca de cogomelos da man da Asociación Micolóxica Os Cogordos, unha clase maxistral de cociña de cociña con castañas da man do chef Sergio Azagra Cruces, e unha segunda a cargo dos chefs gañadores nas categorías de xurado profesional e do público.

Polo demais, a organización establece un palmarés de ata 8 galardóns aos que poden optar os establecementos participantes: 3 elixidos por un xurado profesional,, 4 elixidos polo propio público, un galardón especial ao mellor petisco sen glute, que outorga a delegación ourensá da Asociación de Celíacos de Galicia.

Premios

As votacións ao mellor pincho desta edición 2018 dos Sabores de Ourense poden realizarse a través das urnas distribuídas entre os establecementos participantes. Os establecementos que máis votos reciban, unha vez feito o reconto, faranse con algúns dos 3 premios do público. Para votar, cada persoa debe solicitar un ticket de votación e selalo por cada petisco que tome, xa que son necesario 3 selos para que estas papeletas de votación sexan válidas. Cada unha destas papeletas entrará nun sorteo de diferentes agasallos ofrecidos polos patrocinadores, e que inclúen estoxos de viño, lotes de produtos delicatessen, vales de compra e mesmo unha estancia para dúas persoas nos balnearios do grupo Caldaria na provincia.

Toda a información sobre os locais, os seus pinchos, os premios ou a forma de participar, no espazo web saboresdeourense.turismodeourense.gal

Deja un comentario