Venres 07 de Agosto de 2020

O Concello confirma que está moi adiantado o proceso para reforzar o persoal da UCA e que o centro está a contar coa colaboración doutras entidades sanitarias


 

A entidade continúa a ofrecer os seus servizos sen prexuízo para os seus usuarios grazas a unha reorganización de persoal e a colaboración do Centro Asistencial As Burgas e a Unidade de Saúde Mental do CHUO

O Concello de Ourense confirma que está moi avanzado o proceso de contratación de persoal médico e de auxiliar de clínica da Unidade de Condutas Aditivas UCA, e que a entidade continúa a ofrecer os seus servizos sen prexuízo para os seus usuarios grazas a unha reorganización de persoal e á colaboración constante co Centro Asistencial As Burgas e coa Unidade de Saúde Mental do CHUO.

Na actualidade, a UCA ten vacantes unha praza de médico e outra de auxiliar de clínica que están a ser cubertas por outro persoal da entidade. A concellería de Sanidade confirma que o proceso para cubrir ambas prazas está moi adiantado, até o punto de que xa está nomeado o tribunal e o proceso é inminente.

A concelleira de Sanidade, Sofía Godoy,explica que “dende o primeiro minuto estamos a dar resposta ás necesidades dos usuarios, porque somos conscientes da enorme importancia deste servizo e da urxencia por darlles a mellor atención”.

Tamén incide en que “en ningún momento a asistencia quedou comprometida porque o persoal e os servizos da UCA están a ser reforzados coa colaboración do Centro Asistencial As Burgas, que comparte o mesmo espazo físico que a Unidade de Condutas Aditivas”. Ambas entidades comparten moitos dos seus usuarios, e existe un convenio de colaboración entre elas.

Ademais, a concelleira de Sanidade confirmou que se conta co apoio da unidade de Saúde Mental do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, CHUO, coa que existe un convenio de colaboración para a atención de pacientes e o apoio de servizos entre ambas institucións.

Deja una respuesta