Martes 20 de Novembro de 2018

A Deputación convoca os concursos do 23º Festival de cine de Ourense (OUFF)


 

A Xunta de Goberno aprobou hoxe as bases reguladoras dos certames das seccións “Oficial de Longametraxes”, “Fas Muvis” e “En Curto”

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada esta mañá as bases reguladoras dos concursos da 23 edición do Festival de cine de Ourense (Ourense Film Festival (OUFF) -que organiza a Deputación de Ourense en colaboración coa Fundación “Carlos Velo” e que terá lugar do 29 de novembro ao 5 de decembro de 2018-, no relativo ás seccións de longametraxes, curtas e “Fas Muvis”. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 19 de outubro de 2018.

En concreto, aprobáronse as bases da organización e os premios da competición internacional de longametraxes. As obras deberán estar producidas en 2017 ou 2018, e non foran exhibidas nin editadas comercialmente en España en salas públicas (agás en festivais), televisión e diferentes soportes dixitais antes do 6 de decembro de 2018, e deberán ter unha duración superior aos 60 minutos.

Unha comisión de selección, integrada por membros da organización do certame, será a que convide ás películas a formar parte da sección oficial de longametraxes. En canto aos premios, o xurado outorgará os seguintes: “Calpurnia” á mellor película (5.000 euros), Premio “Carlos Velo” ao mellor director (2.000 euros), Premio “Galicia” da Xunta de Galicia á mellor película galega (2.000 euros), “Premio do público” (2.000 euros), Premio “Especial do xurado”, e o Premio “SGAE á mellor banda sonora”.

Sección Fas Muvis. Límite 48 h.

Esta edición do OUFF crea un novo concurso, a sección “Fas Muvis. Límite 48 h.” para a realización, por equipos, dunha peza audiovisual cunha duración determinada durante un tempo limitado. Cada equipo terá un orzamento pechado para a realización da obra. A inscrición realizarase por equipos, cun máximo de cinco equipos competindo. Así mesmo, cada equipo poderá estar formado por un máximo de cinco membros que non poderán ser maiores de 28 anos. Os equipos deberán aportar un documento cun breve currículo de cada integrante, cunha proposta de idea e cunha sinopse de non máis de tres páxinas. Será a organización quen faga unha selección dos equipos concursantes, mentres que os equipos deberán conseguir o material técnico necesario para desenvolver o seu proxecto.

A data límite de entrega de propostas será o 19 de novembro e a lista de seleccionados farase pública o 26 do mesmo mes. Os equipos en competición deberán presentarse o día 30 de novembro ás 17 horas no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” para a entrega de credenciais e para a explicación detallada das bases do concurso.

O tempo para gravar será de 48 horas, desde o venres 30 de novembro ás 20.00 horas, ata o domingo 2 de decembro á mesma hora. Tamén haberá 48 horas para a montaxe, desde o 2 ao 4 de decembro e, a obra definitiva terá que estar subida antes das 23.59 horas do 4 de decembro á plataforma que a organización indicara.

O proxecto proposto terá que estar relacionado coa cidade de Ourense (o 40% da peza deberá ser rodada nos exteriores da cidade), destacando os valores arquitectónicos, sociais, históricos, etnográficos ou naturais da contorna. A duración da peza será de mínimo tres minutos e máximo 10 minutos e pode ser de ficción, documental, promocional ou reportaxe. A obra, que comezará e finalizará co logotipo do OUFF, será en lingua galega, aínda que no caso de ser noutro idioma terá que ter os subtítulos en galego.

En canto ao orzamento, cada equipo terá un máximo de 600 euros para a realización da peza, entregarase a metade do presuposto ao produtor de cada equipo no momento da entrega de credenciais, e os outros 300 euros ingresaranse despois da entrega da peza.
Os premios serán de 600 euros para o primeiro e de 200 euros para o segundo posto, das cinco obras seleccionadas. As obras proxectaranse no día do peche do OUFF.

Sección En Curto

O concurso da Sección En Curto pretende estimular o formato da curtametraxe en Galicia como expresión básica da creación audiovisual. As curtametraxes deberán estar realizadas en Galicia ou dirixidas por unha persoa galega; a data de estrea das pezas que se presenten ao concurso non poderá ser anterior ao 2017, en caso de teren sido xa estreadas. Así mesmo, as obras non poder exceder dos 20 minutos de duración e a temática será libre, estando admitidos todo tipo de xéneros e modalidades de creación, agás o videoclip e o spot publicitario. O idioma empregado na curtametraxe deberá ser en lingua galega ou castelán e, no caso de ser noutro idioma, deben estar subtituladas a unha destas linguas. O prazo para presentarse ao concurso será desde o día seguinte á publicación das bases no BOP e ata o día 9 de novembro.

As curtametraxes seleccionadas serán proxectadas nunha ou varias sesións durante a celebración do OUFF2018,e as premiadas proxectaranse na entrega de premios. En canto aos premios, as bases do concurso recollen un galardón elixido polo xurado profesional de 1.000 euros e outro de 500 euros para a segunda curtametraxe máis puntuada. Ademais haberá o “Premio do Público”, dotado con 500 euros, que pode ser compatible cos outros dous galardóns.

A convocatoria de todos os concursos serán publicadas no BOP e na sede electrónica da Deputación.

Cooperación

No apartado de cooperación, a Xunta de Goberno aprobou un total de 147.470 euros en axudas a concellos e entidades para iniciativas de índole deportiva, medioambiental, e infraestruturas. En concreto, para o Concello de Laza aprobou unha axuda de 40.000 euros para o remate da base sede do GES. Para a Mancomunidade Voluntaria de Concellos da Comarca de Ourense aprobou unha axuda de 50.000 euros destinada aos gastos de funcionamento da entidade correspondentes ao ano 2018. E, para o Concello da Veiga aprobouse unha axuda de 48.000 euros para o saneamento e arranxos en Prada.

No relativo á colaboración con entidades, aprobouse unha axuda de 2.500 euros para a Asociación Provincial de Agrupacións de Voluntarios de Protección civil de Ourense e Provincia Cultural, para unhas xornadas de Protección Civil en Celanova no 2018, con Portugal como país invitado. Mentres que, a Asociación Ourensana de Xadrez percibirá unha axuda de 6.970 euros para as Escolas Deportivas do 2018.

A Xunta de Goberno aprobou tamén a expropiación forzosa para a execución da obra “acondicionamento e mellora da OU-0602 Leboreiro – Encoro de Chandrexa”, no termo municipal de Chandrexa de Queixa. Outro dos asuntos aprobados na xuntanza foron dúas modificacións do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2018, unha delas relativa ao Concello de Cenlle, pola que se incorpora ao plan principal a obra “acondicionamento de travesía de Cenlle”, cun orzamento de 48.000 euros, en substitución da obra “mellora do acceso ao Outeiro e Rioboo”; e a outra modificación afecta ao Concello de Celanova que incorpora ao plan principal a obra “rehabilitación do colector de formigón da rúa Celso Emilio Ferreiro” cun orzamento de 48.000 euros, en substitución da obra “mellora do saneamento en Sampaio da Veiga, Lampaza e Pontefechas”.
Por último, aprobouse o Programa de cooperación entre a Deputación de Ourense e o Concello de Toén, para a prestación de asistencia técnica para a xestión do bombeo de auga residual en Puga. O servizo de asistencia técnica consistirá nun plan de mantemento preventivo das instalacións, semanal, que inclúe limpeza, xestión de control de alarmas do bombeo e o seu seguimento e asistencia ás avarías que se ocasionen.

Deja un comentario