Sábado 20 de Outubro de 2018

Aberto o prazo para solicitar as subvencións de Cultura para actividades culturais de interese público, festas patronais, romarías ou celebracións tradicionais


 

O Concello de Ourense destina 110.000 euros a través de dúas liñas: para asociacións culturais sen ánimo de lucro; e para accións no campo festivo desenvolvidas por asociacións de veciños e comisións de festas

 

O Concello de Ourense abre o prazo para solicitar as subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para programas, proxectos ou actividades culturais e recreativas de interese público promovidas por asociacións ou entidades sen ánimo de lucro no ano 2018, e que contarán cun orzamento de 110.000 euros. Ábrense dúas liñas: para asociacións que desenvolvan accións no campo cultural; e para asociacións de veciños e comisións de festas, no eido máis lúdico. As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Ourense -ou en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015- antes do 29 de outubro de 2018.

A través deste programa, o Concello reforzará accións das asociacións e entidades no eido cultural, como representacións de teatro, concertos, exposicións, edición e impresión de publicacións ou obras audiovisuais; e actividades que teñan por obxecto a posta en valor do patrimonio cultural material ou inmaterial da cidade (liña 1). Igualmente, apoiaranse actividades como festas patronais, romarías ou celebracións de carácter tradicional ou senlleiro promovidos por asociacións de veciños e comisións de festas (liña 2).

Os requisitos, recollidos nas bases publicadas o 6 de outubro no Bop nº231 e no espazo web do Concello de Ourense, establecen que estas subvencións vai en función do custe dos programas e dos recursos cos que cada asociación conte para levalos a cabo, pero nunca superarán o 75% do orzamento do proxecto. Igualmente, son compatibles con outras subvencións doutros organismos públicos sempre e cando non superen o 100% do orzamentado.

Valorarase especialmente a achega do proxecto ao fomento xeral da cultura ourensá e galega, a formación de públicos como factor de sustentabilidade do tecido cultural ourensán, ou o seu carácter orixinal e innovador. Igualmente, o galego debe ser o idioma da actividade, como manifestación da cultura galega.

A comisión de valoración terá un prazo de 3 meses para resolver a concesión ou denegación das axudas, que serán publicadas a través da páxina web da Concellería de Cultura.

Deja un comentario