Domingo 09 de Decembro de 2018

O alcalde de Ourense brinda o seu apoio á veciñanza de Seixalbo para iniciar un expediente de honra cara un dos seus veciños máis ilustres: José Pereira Rodríguez


 

Na homenaxe ao que fora alcalde da cidade hai 100 anos e que impulsara iniciativas sociais tan importantes como a escolarización das mulleres de Seixalbo por aquela época, Jesús Vázquez Abad avanzou o seu apoio “a todo recoñecemento que sirva para lembrar e darlle o espazo na Historia que merece a quen deixou unha importante pegada no seu pobo”

 

A veciñanza de Seixalbo convidou hoxe a lembrar e reivindicar a figura dun dos seus veciños máis ilustres: José Pereira Rodríguez, unha persoa comprometida coa súa cidade, cunha vocación política que lle levou a participar na Corporación de Ourense e a ser o alcalde da cidade, hai agora pouco máis de 100 anos.

Neste acto de homenaxe, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, confesouse “feliz porque é de xustiza reivindicar a alguén que foi dinamizador e axente de transformación da cidade desde o seu compromiso persoal e político”.

De feito, Vázquez Abad deixou patente a súa disposición a brindar todo o seu apoio á veciñanza de Seixalbo para iniciar un expediente de honra que ensalce a figura dun dos seus veciños máis ilustres: José Pereira Rodríguez. Así,

co inicio dun expediente de honra, o pobo de Seixalbo poderá concederlle a unha das súas rúas o nome desta persoa.

Na homenaxe ao que fora alcalde da cidade hai un século e que impulsara iniciativas sociais tan importantes como a escolarización das mulleres de Seixalbo por aquela época, Jesús Vázquez avanzou o seu apoio “a todo recoñecemento que sirva para lembrar e darlle o espazo na Historia que merece a quen deixou unha importante pegada no seu pobo”

“Algo ten Seixalbo de especial que se manifesta unha e outra vez ao longo do ano. Resulta reconfortante e un exemplo para todos ver cantas iniciativas e actividades sociais e culturais é quen de promover a súa veciñanza, comprobar o acertadas das súas apostas, e apreciar con que cariño, como hoxe, lembran aos seus veciños máis queridos”, concluiu o rexedor ourensán.

Deja un comentario