Domingo 09 de Decembro de 2018

O Concello repartirá 25.000 euros en axudas a deportistas individuais a través do Consello Municipal de Deportes


 

Na convocatoria anterior presentáronse 72 solicitudes e destas, foron 64 deportistas que desfrutaron das axudas

O Consello Reitor do Consello Municipal de deportes aprobou a convocatoria e as novas bases para a concesión de Bolsas a Deportistas individuais 2018. Esta convocatoria conta cunha partida de 25.000€ dos orzamentos da Concellería de Deportes. As bases aprobadas modifican as anteriores, do ano 2015, “coa idea de premiar a excelencia deportiva -a consecución de medallas ou postos de honra- dos solicitantes, por unha banda, e axilizando os trámites da valoración, pola outra, o que permitirá axilizar a concesión das mesmas”, sinala o edil de Deportes, Mario Guede.
Na convocatoria anterior presentáronse 72 solicitudes e destas, foron 64 deportistas que desfrutaron das axudas. Con estas bolsas o Consello Municipal de Deportes e o Concello de Ourense buscan darlle cobertura a parte dos gastos derivados da práctica deportiva que posúen os deportistas de nivel en disciplinas individuais posúen. Os criterios de valoración diferencian entre:
• Cualificación, para maiores de 18 anos. Segundo a disciplina deportiva (olímpica ou non) e segundo o resultado da mellor competición do ano, de cumprir os requisitos fixados nas bases, percibirán unha bolsa económica de xeito directo.
• Iniciación, para menores de 18 anos. Segundo a disciplina (olímpica ou non) e segundo o resultado da mellor competición do ano, de cumprir os requisitos fixados nas bases, percibirán unha bolsa en material deportivo de xeito directo. Modifícase, polo tanto, a bolsa económica para estes deportistas menores, pois, entenden os técnicos que non resulta positivo que o deportista novo se acostume ás retribucións económicas pola súa actividade deportiva.
A documentación da solicitude poderase presentar desde o día seguinte á publicación no Boletín Oficial da Provincia e durante o prazo dun mes. A información estará colgada na web do Consello Municipal de Deportes: www.deportesourense.com, onde poderán descargar as Bases e Anexos da Convocatoria e da Sede electrónica do Consello Municipal de Deportes.

Deja un comentario