Sábado 20 de Outubro de 2018

963.628 euros en axudas a entidades e concellos para iniciativas de Infraestruturas, Cultura, Deporte e Medio Ambiente


 

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou 963.628 euros en axudas para concellos e entidades destinadas a iniciativas en materia de Infraestruturas, Cultura, Deporte e Medio Ambiente. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 5 de outubro de 2018.

En materia de cooperación con entidades, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 15.000 euros para a AIE Agrupación para o Desenvolvemento e Formación do Sector Apícola Galego destinada a un apiario experimental. Para a Asociación Cultural FETEGA aprobou unha axuda de 8.000 euros para os gastos de funcionamento da entidade correspondentes ao ano 2018, mentres que para a Asociación Cultural Rutas do Viño do Ribeiro aprobou unha axuda de 10.007 euros destinada á ruta do Viño do Ribeiro 2018. Tamén se aprobou unha axuda de 10.000 euros para a Asociación Galega de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións destinada á organización do II Congreso Internacional de Drons.

No apartado deportivo, aprobou unha axuda para a Unión Deportiva Barbadás por importe de 22.000 euros para os gastos da tempada 2017-2018, e en materia de infraestruturas, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 24.000 euros para a Diócese de Ourense destinada ao arranxo do tellado da igrexa de Mesego; para a Fundación Hospital de San Carlos aprobou unha axuda de 12.069 euros para a reforma do sistema de calefacción da residencia de anciáns; e para a Asociación de Veciños de Moas, unha axuda de 18.000 euros para o arranxo do forno de Moás.

Por último, na reunión aprobouse a resolución da convocatoria de axudas a entidades sen ánimo de lucro para a organización de actividades culturais e recreativas correspondentes ao exercicio 2018, pola cal a Deputación de Ourense concede un total de un total de 119.999 euros en axudas a máis de 100 entidades da provincia.

Cultura
No relativo ao apartado cultural, a Xunta de Goberno aprobou esta mañá a fixación de prezos de publicacións que editará a Deputación de Ourense. As obras son as seguintes: a coedición da obra: Otero Pedrayo, R. (Maribel Outeiriño, ed.): Del Ourense antiguo y otras colaboraciones, por un prezo de venda ao público de 10 euros; a obra Toponimia da Provincia de Ourense, de M. J. Domínguez Quiroga, por 21 euros; a obra Entre Ourense e América de R. Soutelo Vázquez, por un prezo de 15 euros; a obra Flora de la provincia de Ourense: Cuenca baja del río Loña, de V. Rodríguez Gracia [et al.], por 13 euros; a obra Terras da Mezquita e a Seabra, de X. Dasairas Valsa, por 12 euros; e a obra Celanova ten unha foto de C. D. Lorenzo Pérez, por 8 euros.

Cooperación

No apartado de cooperación cos concellos da provincia de Ourense, na reunión aprobouse unha axuda de 8.374 euros para o Concello de Avión destinada á instalación dun centro reemisor co que dar cobertura do sinal de televisión ás localidades de Cortegazas e Vilar. Para o Concello de Baltar aprobou unha axuda de 50.000 euros para o desenvolvemento do seu Plan Cultural correspondente ao ano 2018 no que se inclúe diversas actividades.

O Concello de Bande, pola súa parte, percibirá unha achega de 20.100 euros para a substitución de iluminación pública en Ponte Liñares. Así mesmo, en relación a este municipio, a Xunta de Goberno aprobou dúas rectificacións de erro do acordo da Xunta de Goberno do 21 de setembro deste ano, relativo á aprobación do pago anticipado de dúas axudas para este municipio.

Continuando no apartado de cooperación cos concellos, na reunión aprobouse unha axuda de 25.600 euros para o Concello de Castrelo do Val para dotar á pista polideportiva de pádel dunha cuberta. Para o Concello de Cortegada aprobou unha axuda de 30.000 euros destinada ao parque empresarial, mentres que para o Concello de Cualedro aprobou unha axuda de 99.500 euros para a primeira fase da restauración da escola para Casa Niño.

Outra das axudas aprobadas na reunión é para o Concello de Entrimo por un importe de 30.000 euros que será destinada para a construción dunha pista polideportiva. Para Montederramo aprobouse unha axuda de 10.000 euros para dotar de equipamento o albergue turístico rehabilitado polo concello. Tamén outra das axudas aprobadas foi para o Concello de Muíños por importe de 50.000 euros, destinada ao programa Coñece Ourense, ao Campamento da Ourensanía, e a socorristas, todo elo correspondente ao ano 2017. Pola súa parte, para o Concello de Rairiz de Veiga aprobouse unha axuda de 17.000 euros para a adquisición de instrumentos para a Escola de Música Municipal.

Para o Concello de Riós aprobáronse tres axudas: unha de 11.999 euros para o abastecemento na traída de augas no pobo de Souto, outra das axudas ascende aos 14.000 euros e será para o arranxo de camiños en Marcelín, e a terceira axuda, de 13.553 euros, para a pavimentación de camiños no núcleo rural de Pedroso. Mentres que, para o Concello de Toén aprobouse unha axuda de 20.000 euros para unha pista polideportiva en Alongos, para o Concello de Vilardevós unha axuda de 3.000 euros para a limpeza de diferentes vías municipais co fin de aumentar a súa seguridade e evitar risco de lumes.

Para o Concello de Vilar de Santos aprobáronse dúas axudas, unha por importe de 12.000 euros destinada aos gastos de funcionamento do Museo da Limia correspondentes ao ano 2018 e, a outra axuda de 43.000 euros para a mellora de accesos á Casa do Concello. Tamén o Concello de Xinzo de Limia recibirá dúas achegas aprobadas pola Xunta de Goberno, en concreto, unha de 30.477 euros para a reparación do tellado no local social de Laroá e, outra de 10.000 euros para a adquisición dunha máquina hidrolimpadora.

O Concello de Xunqueira de Ambía recibirá unha axuda de 10.000 euros para o equipamento do velorio en Bobadela, mentres que para o Concello de Xunqueira de Espadanedo aprobáronse tres axudas: unha achega de 20.500 euros para a adquisición dun brazo rozadora, a segunda achega aprobada para a reforma da instalación de placas fotovoltaicas do propio concello ascende aos 49.997 euros, e outra de 17.747 euros para a mellora da estrada Pardeconde-Alto do Couso.

A Xunta de Goberno aprobou tamén unha axuda de 17.678 euros para a Mancomunidade Voluntaria de Concellos da Comarca de Ourense para a redacción dun proxecto de Escola Infantil, mentres que para a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín, aprobou unha axuda de 50.000 euros para os gastos de funcionamento da entidade correspondentes ao ano 2018.

Outro dos asuntos aprobados na reunión foi a ratificación do convenio de colaboración entre o Concello do Carballiño e a Deputación de Ourense para a reforma e acondicionamento dos vestiarios do campo de fútbol municipal de Espiñedo, a través do cal, a institución provincial destina unha achega de 60.028 euros para tal fin.

Por último, aprobouse unha modificación do Plan Provincial de cooperación do exercicio 2018 relativo ás obras correspondentes á rede viaria provincial pola que, das catro obras que se ían a realizar nos concellos de Esgos, Punxín, Verea e Vilamartín de Valdeorras, por falta de terreos, faranse doce obras en O Barco, A Gudiña, Lobeira, Monterrei, Ourense, A Pobra de Trives, A Rúa, Pereiro, Os Blancos e Xunqueira de Ambía.

Deja un comentario