Sábado 20 de Outubro de 2018

Presentación da feira “As San Lucas” de Mondoñedo, a festa máis antiga de Galicia


 

Este evento, que leva celebrándose desde o século XII en Mondoñedo, estase a presentar nas principais cidades galegas e destaca “pola súa excelencia cultural, situándose como un referente etnográfico e da cultural popular”, dixo Manuel Baltar

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia; e o presidente da asociación cultural “As San Lucas”, Miguel Souto, presentaron no centro cultural “Marcos Valcárcel” a edición 2018 da feira “As San Lucas”, “a festa máis antiga de Galicia e unha das de maior traxectoria en Europa, que destaca pola súa excelencia cultural, situándose como un referente etnográfico e da cultural popular”, expresou o presidente do goberno provincial. Este evento, que leva celebrándose desde o século XII en Mondoñedo, preséntase nas principais cidades galegas “para promover o patrimonio inmaterial e este legado etnográfico secular”, dixo Elena Candia.

O programa da festa, que se celebra en Mondoñedo do 17 ao 21 de outubro, pretende chegar a todos os públicos combinando tradición e modernidade. Miguel Souto subliñou que “as San Lucas son feira, festa, cultura e tradición”. O pregón correrá a cargo do reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, e terá lugar o mércores 17.

Entre as actividades atópase a celebración dun dos principais espectáculos de doma nocturna, o primeiro que se alberga en Galicia. Este espectáculo desenvolverase na feira máis antiga de Galicia e na praza da Catedral, fronte ao monumento declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

A programación recolle ademais a tradicional chegada dos cabalos polas rúas empedradas da cidade ata a feira e o seu paso pola praza da Catedral, a actuación de Quico Cadaval, o encontro folclórico, teatro, un concurso de andadura galega, morfolóxico de cabalos e de trote, demostracións de ferrado e forxa, a segunda xuntanza de tractores clásicos e a homenaxe a Pascual Veiga.

Deja un comentario