Domingo 09 de Decembro de 2018

Manuel Baltar recibe ao presidente do Centro Galicia de Bos Aires


 

Na reunión, que tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, analizaron as actividades que se van desenvolver na capital arxentina o vindeiro mes de novembro con motivo da entrega do premio Ourensanía ao Centro do Partido do Carballiño e ao Centro Ourensano de Montevideo

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial ao presidente do Centro Galicia de Bos Aires, José María Vila Alén, acompañado do secretario desta entidade, Cristian Moares, e da secretaria da Federación de Asociacións Galegas de Arxentina, Lorena Lores. Na reunión analizaron as actividades que se van desenvolver na capital arxentina o vindeiro mes de novembro con motivo da entrega do premio Ourensanía ao Centro do Partido do Carballiño e ao Centro Ourensano de Montevideo, un galardón que o xurado ditaminou conceder ás dúas institucións “por promover a ourensanía na colectividade galega de ambos países”.

O Centro Galicia de Bos Aires é a entidade que conta con maiores posibilidades en canto a infraestruturas para desenvolver o importante acto que reunirá na capital bonaerense as colectividades da emigración ourensá de Bos Aires e Montevideo, actividade que terá lugar o vindeiro 11 de novembro, conmemorando o “Día da Ourensanía no Río da Plata”. O programa inclúe tamén visitas ao Centro do Carballiño en Bos Aires e ao Centro Ourensano de Montevideo.

Baltar destacou “a importancia de todas as entidades que traballaron e traballan a prol da nosa emigración, e da Federación de Asociacións Galegas de Arxentina, símbolo da defensa da democracia e da autonomía de Galicia, sinaladamente, ao longo do século XX, unha defensa que personifica o cadro de Castelao “A derradeira lección do mestre”, obra sobre a que o Centro Galicia afirma non ter inconveniente en que se exhiba en Ourense. Manuel Baltar dixo que a Federación de Asociacións Galegas de Arxentina, “é unha institución sempre significada polo compromiso en favor da liberdade, como tamén o é Lorena Lores, secretaria da federación e artista comprometida”, expresou.

Deja un comentario