Sábado 20 de Outubro de 2018

Ourense, capital europea do termalismo


 

A asemblea da Asociación de Cidades Termais Históricas de Europa, que reúne a representantes dos principais territorios termais europeos, “é unha oportunidade de cooperación e dinamización que sitúa á provincia de Ourense ao máis alto nivel no ámbito termal”, afirma Manuel Baltar

O presidente da Deputación e vicepresidente da EHTTA -a entidade de termalismo máis importante de Europa- participou no seminario “Cafés de Europa”, foro de debate e innovación en materia termal, destacando “as iniciativas de valorización do patrimonio termal da provincia de Ourense que desenvolve o plan “Ourense, a provincia termal”

Turismo sostible, xeotermia, experiencias de cooperación no ámbito da auga, aproveitamentos dos mananciais, protección dos recursos naturais e o Plan Termal de Ourense, foron os temas de debate

Ourense, 3 de outubro de 2018.- Ourense convértese estes días na capital europea do termalismo coa celebración da asemblea da Asociación de Cidades Termais Históricas de Europa (EHTTA), un cumio que reúne a representantes dos principais territorios termais europeos, “unha oportunidade de cooperación e dinamización que sitúa á provincia de Ourense ao máis alto nivel no ámbito termal”, afirmou hoxe no Teatro Principal o presidente da Deputación de Ourense e vicepresidente da EHTTA, Manuel Baltar.

No seminario “Cafés de Europa”, foro de debate e innovación en materia termal que precede á celebración, mañá xoves, da asemblea da EHTTA, Baltar destacou “as iniciativas de valorización do patrimonio termal da provincia de Ourense que desenvolve o plan “Ourense, a provincia termal”, remarcando que este proxecto, promovido pola Deputación de Ourense co apoio da Xunta, “fixa como obxectivo potenciar os recursos turísticos, naturais e culturais de Ourense, para o cal se definiron 71 actuacións para o período 2014-2020, das que o 70 % está xa executado ou en proceso de execución”.

Manuel Baltar destacou diante dos representantes termais europeos o potencial e os logros económicos e empresariais acadados pola provincia de Ourense, citando exemplos como o sector vitivinícola; a innovación tecnolóxica que se desenvolve en Tecnópole; a agroindustria; a participación ourensá na liña férrea a La Meca, en Arabia Saudí, e os servizos, “onde a cultura e o termalismo xogan un papel fundamental”. “Todo é posible –remarcou Baltar- porque cremos na cooperación e nas posibilidades do traballo en rede, tanto nacional como internacional, como demostran as misións comerciais entre Ourense e Estados Unidos, a participación en Partenalia ou a pertenza á EHTTA”, a entidade de termalismo máis importante de Europa, que abrangue 40 membros de 13 países.

Termalismo e turismo sostible

Na xornada de hoxe debatéronse temas de turismo sostible, xeotermia, experiencias de cooperación no ámbito da auga, aproveitamentos enerxéticos dos mananciais, protección dos recursos naturais e o Plan Termal de Ourense, unha xornada que contou tamén coa participación do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e Giuseppe Bellandi, presidente da EHTTA. Precisamente, Bellandi –quen asinou no Libro de Honra da Deputación de Ourense- subliñou a importancia deste cumio “para a posta en común de proxectos termais que suporán unha oportunidade competitiva para os nosos territorios”.

Previamente á xornada, pola mañá, tivo lugar na rúa do Paseo de Ourense a inauguración da exposición “Itinerario europeo do patrimonio termal”, que fai un percorrido histórico da importancia do termalismo en Europa, poñendo a pé de rúa os importantes valores da cultura termal. A exposición conta co apoio da Deputación e do Concello de Ourense.

Mañá xoves terá lugar no salón de plenos do Concello de Ourense a celebración da asemblea xeral da Asociación de Cidades Termais Históricas de Europa, na que participan medio cento de delegados, un evento co-organizado pola Deputación e o Concello de Ourense. As actividades abranguen sesións e relatorios sobre a actualidade do termalismo, así como a realización de visitas a diferentes enclaves termais da cidade e da provincia. O venres os participantes visitará á Ribeira Sacra e o balneario de Laias Caldaria, participando nunha presentación de programas de termalismo.

A Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa, entidade á que pertence a Deputación de Ourense, é a rede termal máis importante de Europa, integrada por cidades como Baden Baden, Bath, Budapest, Vichy e a propia capital de Ourense, unha das fundadoras, ao tempo que forma parte do Itinerario Cultural Europeo das Cidades Históricas Termais.

Deja un comentario