Sábado 20 de Outubro de 2018

Os 22 emprendedores participantes no Coworking de Terras da Limia impulsan 19 proxectos de turismo, moda, tic e alimentación


O municipio ourensán de Celanova acolleu hoxe a presentación das iniciativas desenvoltas na aceleradora, na que colaboran a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, e a Escola de Organización Industrial

O mosteiro de San Salvador, no municipio ourensá de Celanova, acolleu  a presentación dos proxectos participantes na terceira edición do coworking impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, e a Escola de Organización Industrial (EOI), na que se achegou formación e asesoramento para o desenvolvemento de 19 iniciativas empresariais.

Os novos empresarios poderán seguir contando cos servizos e os instrumentos de apoio que ofrece a Xunta para facilitar a posta en marcha e a consolidación temperá das empresas. Deste xeito, poderán continuar accedendo ao asesoramento especializado ou titoría que precisen, así como a préstamos directos como os activados no novo programa de instrumentos financeiros innovadores (IFIs).

Os 22 emprendedores que desenvolveron os 19 proxectos empresariais neste espazo coworking, no que recibiron asesoramento á medida sobre a posta en marcha das súas iniciativas, optaron por diferentes ámbitos de actividade, como os servizos tecnolóxicos apoiados nas TIC, o sector da moda ou os servizos relacionados coa valorización de recursos do territorio, como turismo ou os produtos alimentarios.

Esta aceleradora, na que nas dúas edicións anteriores se apoiaron 44 iniciativas de 64 novos empresarios, forma parte da rede de espazos creada pola Conselleira de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, e en colaboración coa Escola de Organización Industrial. Cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE), a rede ten como obxectivo favorecer o desenvolvemento de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o territorio, contribuíndo á posta en marcha e consolidación de novas empresas no territorio.

Nos próximos días finalizarán tamén as accións de formación e asesoramento nos espazos coworking da Ribeira Sacra, Costa da Morte, A Mariña lucense e Ferrolterra, nos que, en conxunto, se apoiaron 130 novos proxectos de emprendemento.

Deja un comentario