Venres 13 de Decembro de 2019

Un seminario analizará as actividades económicas que se poden desenvolver nas paisaxes de montaña


 

A Deputación de Ourense colabora con esta actividade formativa que terá lugar os días 26, 27 e 28 de outubro, na Veiga

O municipio da Veiga acollerá un seminario para analizar as actividades económicas que se poden desenvolver nas paisaxes de montaña sen comprometer os seus valores e calidades. A actividade que terá lugar baixo o título ”Paisaxes de montaña e actividades económicas”, celebrarase os días 26, 27 e 28 de outubro. A presentación desta acción formativa tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde da Veiga, Juan Anta; o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade; e o coordinador do Seminario e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Valerià Paül.

A Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa que ten como obxectivo “sacar rendibilidade aos recursos naturais do municipio e, en concreto, o seminario debaterá sobre as posibilidades económicas que poden desenvolverse nas paisaxes de montaña, respectando os seus valores naturais”, explicou Rosendo Fernández.

A xornada estudará as experiencias que poidan ser de utilidade e avaliará o que se está a desenvolver xa na Veiga e no resto do territorio galego. Así mesmo, o seminario pretende sensibilizar ao sector empresarial na cuestión paisaxística, detectar oportunidades económicas vencelladas á xestión da paisaxe para futuros emprendedores, e conformar un espazo de intercambio entre o mundo económico e empresarial e o da sensibilidade paisaxística.

No seminario haberá intervencións de expertos na materia, visitas ao campo para observar sobre o terreo as cuestións tratadas, e unha parte de debate e obradoiro, co fin de facer propostas futuras que redunden na dinamización do rural en base á paisaxe. Neste senso, Valerià Paül explicou que as dúas novidades deste ano son: a temática e o premio que concederá o concello da Veiga ao mellor proxecto empresarial que xurda no seminario e que se pretenda desenvolver neste municipio, é dicir, das propostas que xurdan ao longo do seminario farase unha selección para que vaian á primeira fase dun programa de emprendemento que desenvolve a Fundación Juana de Vega, en caso de que o proxecto pase á segunda fase, o Concello da Veiga sufragará á persoa premiada os gastos de inscrición e desprazamento desde o seu lugar de residencia a Coruña para a realización da fase II do programa, coa condición de que esa iniciativa empresarial se implante na Veiga en 2019.

Tódalas persoas interesadas na materia que queiran realizar o curso, poderán matricularse ata o día 23 de outubro a través da páxina web da Fundación Juana de Vega (www.juanadevega.org). Neste senso, o alcalde da Veiga dixo que “xa hai persoas que están matriculadas, incluso xente do municipio está interesada no curso para emprender na Veiga” e afirmou que “os proxectos se fan realidade cando a poboación local se involucra ao 100%”.

O coordinador do Seminario destacou que esta cuarta edición vén a continuar “cunha serie establecida que está a funcionar moi ben e que cada ano trata de ofrecer unha perspectiva distinta: o primeiro ano centrouse especificamente nas montañas de Trevinca, na segunda edición foi sobre turismo e na terceira sobre a cultura e a paisaxe, que vén a completarse nesta ocasión coas posibles actividades económicas que poden desenvolverse nestas paisaxes”.

Pola súa parte, José Manuel Andrade dixo que esta iniciativa encadra con “dúas das preocupacións da Fundación Juana de Vega: a parte da paisaxe e a parte das actividades económicas que contribúen ao desenvolvemento rural”.

Deja un comentario